Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP acada o acordo unánime para que a Deputación se implique, xunto co Concello de Lugo, na construción dunha nova instalación deportiva multidisciplinar na cidade

Lugo, 26 de xuño de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular acada o acordo unánime do Pleno para que a Deputación se implique, xunto co Concello de Lugo, na construción dunha nova instalación deportiva multidisciplinar na cidade. No acordo plenario tamén se pide a colaboración das restantes administracións tanto na cofinanciación desta infraestrutura como na realización das tarefas para levar a cabo un mellor mantemento e unha mellora das instalacións deportivas xa existentes.

 

A deputada popular, Mari Teijeiro, explicou que a través desta iniciativa se está a dar trasladado a unhas das principais demandas dos clubs, asociacións e entidades deportivas, xa que no conxunto da provincia e, en concreto, na cidade de Lugo, existe un importante tecido asociativo deportivo que “levan a cabo un importante traballo a prol do fomento do deporte e, sobre todo do deporte base, pero que non dispoñen das instalacións necesarias para realizar a práctica da súa disciplina”.

 

Deste xeito, a popular defendeu a necesidade de que para potenciar o deporte de base é preciso mellorar dotacións e incorporar novos espazos de adestramento e competición xa que mesmo na actualidade hai clubs que “deben alugar pistas ou que se ven obrigados a utilizar infraestruturas obsoletas que non están ao nivel dos nosos deportistas”.

 

Así, Mari Teijeiro demandou que o Concello de Lugo lidere este proxecto, en colaboración coas outras administracións, e máis cando dende o Goberno local presumen dunha bonanza económica con datos de superávit que “eles mesmos din que poden investir en infraestruturas”.

 

A popular tamén lle reprochou aos grupos da oposición que non se acordasen antes desta necesidade pese a que ostentaron responsabilidades na área de deportes na Deputación de Lugo.

 

Moción sobre a construción dun pavillón en Burela

O Grupo Provincial do Partido Popular votou a favor esta mañá en sesión plenaria da iniciativa presentada polo BNG para dotar ao concello de Burela da construción dun novo pavillón. O deputado popular, José Yanes Ginzo, explicou que se trata dunha moción que parte dun acordo unánime acadado entre as tres forzas políticas do Concello de Burela para conseguir unha infraestrutura deportiva “imprescindible nunha localidade onde se practica o deporte de elite ademais de existir un amplo colectivo de persoas que practican deporte nas distintas modalidades deportivas”.

 

Os populares presentaron unha emenda á iniciativa presentada polo BNG na que instan ao Concello de Burela a “poñerse as pilas” e a través dela acoutan os prazos para que esta instalación sexa unha realidade. Yanes Ginzo explica que o Concello debe elaborar o proxecto e poñer á disposición os terreos necesarios e “a partir de aí dirixirse ás distintas administracións, tanto provincial, como á Xunta de Galicia e ao Goberno central, para que se impliquen na cofinanciación deste pavillón”.

 

O deputado popular amosou o total compromiso do Grupo do PP para realizar as xestións que permitan “acadar estes fondos na distintas administracións, pero a realidade é que a día de hoxe o Concello de Burela non fixo nada e é primordial coñecer o custo que suporán estas instalacións para poder dirixirnos aos distintos entes. Os prazos son os que son e hai novas esixencias que deben cumprir as instalacións deportivas onde se disputen encontros de competición, polo que se deben acortar os prazos e redactar o proxecto e adquirir os terreos”.