Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada responsabiliza ao alcalde de que o punto limpo “sexa hoxe unha marea de lixo sen control”

19, xuño, 2018. O PP de A Fonsagrada responsabiliza ao alcalde de que o punto limpo “sexa hoxe unha marea de lixo sen control”. Deste xeito, os populares voltan a criticar “o pasotimo e a desidia” do rexedor socialista, pois, malia ser advertido no mes de abril da “situación alarmante” na que se atopa esta instalación municipal, “este sigue mirando para outro lado”. “Será que non dá feito con tanto traballo que ten na Deputación, e que o obriga a abandonar as funcións como alcalde?”, pregúntanse con certa ironía dende o Grupo do Partido Popular.

 

Neste senso, os populares préganlle ao dirixente socialista que asuma a súa responsabilidade como titular do Concello e emprenda as xestións oportunas para “atallar o que pode ser un problema de salubridade non a moi longo prazo”. E é que, afirman, “xa non é só cuestión de imaxe, que dende logo é moi grave, pois todos os veciños coincidimos nisto, senón que pode ser un foco moi importante de contaminación, cos conseguintes riscos para a saúde dos veciños”, destacan.

 

Desgoberno e deixación”

O desentendemento que presenta o punto limpo municipal é para os edís do PP un novo exemplo “do desgoberno” no que está instalado a entidade local. Deste xeito, atribúen esta “deixación” a que ao rexedor “lle gusta máis o caramelo que lle deron e dan na Deputación que no propio Concello”.

 

“Entendemos que ser vicepresidente e cobrar por elo é interesante, pero para nós o que máis nos preocupa é A Fonsagrada e hoxe, lamentablemente, temos que dicir que son moitos os veciños o que non nos sentimos atendidos polo alcalde que temos”. Por este motivo, instan ao dirixente local “a que recapacite e dea solucións ás necesidades que hai nas distintas parroquias. Ser alcalde non só é ir a actos, figurar e vir de vez en cando, senón que un alcalde é dar solucións aos problemas, non craelos”, defenden.

 

Polideportivo

Os populares fan esta valoración porque o goberno local tampouco arranxou o polideportivo municipal, logo dos desperfectos ocasionados polo temporal de febreiro. Isto implica que, a piques de rematar o curso escolar e, en consecuencia, moitas das actividades deportivas que nel se desenvolven, a instalación continúa sen ningunha medida de protección, nin de vaiado, a pesares de que ao seu carón se sitúa o colexio, a gardeiría, o instituto e o comedor escolar.

 

Os edís do PP denuncian así o desentemento do rexedor, pois malia afirmar que a entidade local procedería ao seu arranxo cando mellorasen as condicións meteorolóxicas, este “aínda non fixo nada de nada”.

 

O polideportivo leva catro meses co teito a punto de caerse, polo que dende o Grupo Municipal Popular consideran que “tivo tempo dabondo para amañalo ou polo menos establecer medidas de seguridade pero, polo que semella, as súas ocupacións deben de ser máis importantes que a seguridade dos usuarios”, lamentan.