Partido Popular de Lugo

O PP de Burela solicita a creación do Patronato Municipal da Cultura

BURELA, 5 de xuño de 2018.O Grupo Municipal do PP de Burel avén de presentar varias iniciativas para ser debatidas no Pleno ordinario que se celebrará mañá mércores, e fanno, segundo indican, “á vista da total inacción do alcalde e do seu goberno, que está máis centrado en campañas de imaxe e sesións fotográficas que en artellar proxectos de futuro para os veciños”.

 

Os populares entenden que a programación cultural está demasiado centrada en actos “de pago de entrada”, esquecendo outro tipo de manifestacións artísticas como a potenciación da Sala de Arte, por exemplo, ou o apoio a grupos musicales locais.

Igualmente, consideran que as bases de concesión de subvencións están demasiado centradas na colaboración co Concello, polo que determinados colectivos teñen complicado o acceso a esas axudas.

Por iso, destacan que sería importante a constitución do Patronato Municipal de Cultura, que estaría composto por representantes da corporación e dos colectivos culturais, para fixar programaciónsmáis abertas, asesorar en materia de bases de subvencións, ou marcar pautas para a potenciación de determinados ámbitos da cultura local, como a Escola de Música. Neste senso, emprazan ao alcalde a que no prazo de tres meses presente uns estatutos para seren debatidos en sesión plenaria.

Praias libres de fume de tabaco e beirarrúas sen cabichas

Os membros deste Grupo sinalan que a limpeza viaria “é manifestamente mellorable”. Tal é asi que, afirman, “temos recibido queixas de comerciantes e hostaleiros pola presenza de cabichas nas beirarrúas, o que dá unha imaxe negativa. Por iso, apostamos por colocar elementos de mobiliario urbano, como cinseiros, para evitar tal situación”.

 

Facendo fincapé no medioambiente, os populares, que remacan que cada vez hai máis concellos que o están a facer, entenden que se debería eliminar o tabaco en certas praias. Por iso propoñen que se adopten medidas para declarar praias libres de fume de tabaco ás d’O Cantiño e Ril, esta última bandeira azul.

Xogos adaptados para nenos con discapacidade

Por último, os populares levan ao Pleno de mañá un rogo para que, a semellanza doutros Concellos, nos parques de Burela se coloquen xogos e elementos para que poidan ser empregados por nenos e nenas con discapacidade. E é que deste xeito, destacan, “se garante a absoluta universalidade no disfrute dos parques, dándose un paso máis cara á accesibilidade e a velar pola calidade de vida dos nenos e nenas con discapacidade”.