Partido Popular de Lugo

O PP reivindícase como o único grupo na Deputación responsable e capaz de achegar estabilidade

Lugo, 30 de maio de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta o espectáculo que estes días se está a dar desde o Goberno da Deputación de Lugo, instalado só nas liortas internas entre os seus membros e non no traballo “serio e rigoroso” que debera darse na institución. Así, os populares reivindícanse como o único grupo na Deputación responsable e capaz de achegar estabilidade.

 

Desde o Grupo Provincial do PP defenden as súas achegas para a aprobación e mellora do Plan Único, o Plan de Estradas ou outros acordos de relevancia que están a promover converténdose “no motor que está a impulsar a provincia”.

 

Os populares demándanlle a todos os grupos con representación institucional na Deputación de Lugo “que cambien de rumbo, que rectifiquen os seus revanchismos e se centren no importante, que é traballar pola provincia”.

 

Aseguran lamentar situacións como as vividas onte no pleno da Deputación de Lugo, unha imaxe que non se debe volver a repetir, posto que os veciños non merecen un Goberno máis preocupado polas súas liortas internas que por solucionarlles os problemas aos veciños e veciñas.

 

Fronte a ese avespeiro no que en lugar de traballar só se preocupan de enfrontarse todos contra todos, está o PP, que segue unha folla de ruta clara e ten como obxectivo único e irrenunciable a mellora da provincia. Os populares cren que no PSOE non poden dicir o mesmo porque, salvo os grandes acordos impulsados polo PP, “estamos ante un mandato perdido”.