Lugo, 30 de maio de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular e o Grupo Municipal do PP do Incio cren que os socialistas na Deputación pretenden, coa emenda aprobada onte no Pleno á moción do BNG, “facer que fan” coa Casona cando a condenan a volver á situación de 2005.
Así, os populares critican que se queira asinar un novo convenio cando o rubricado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello é o que hai que executar. De feito, sinalan, xa debera levar anos executado, pero non foi así, senón que desde a chegada do PSOE ao Goberno Provincial nada se ten avanzado.
Desde o PP recordan que ese convenio recolle que se rehabilite a estrutura orixinal da Casona, tal e como os populares pedían de novo nas iniciativas que presentaron tanto no pleno provincial como no local. O PSOE sen embargo propón agora facer un novo convenio para aclarar o seu uso e propor un plan de financiamento, un modo de simular que están traballando cando teñen a Casona abandonada.
Tanto é así, recordan, que en 2015 parte do Goberno provincial desembarcou no Incio coa alcaldesa socialista á fronte para dicir que en dez días comezarían as obras, un anuncio que quedou en mera promesa electoral, posto que nin cumpriron coa obriga de mantemento da estrutura. Isto provoca que na actualidade a Casona se atope ante un claro perigo de derrubamento.
Promesas incumpridas
En once anos non fixeron nada e agora queren facer un lavado de cara cando non hai financiamento consignado nin se executou unha soa obra nin aclaran a qué queren dedicalo, cando a alcaldesa no seu primeiro programa electoral dicía que se ía rehabilitar e incluso no segundo que se ía crear un centro de día.
Desde o PP pedirán tanto no Pleno da Deputación como no consello de Suplusa que se manteña o acordo asinado no ano 2006 e que, dunha vez por todas, se cumpra co que nel se sinala, que pasa pola restauración completa do inmoble incluíndo a zona axardinada.
Os populares provinciais e os locais denuncian que en todos estes anos non se teña feito nada. “Os últimos traballos que se levaron a cabo de expropiación e redacción do proxecto foron gobernando o PP na Deputación e no Concello e a partir de aí tanto Besteiro como Campos e a actual alcaldesa paralizárono todo”, lamentan.