Partido Popular de Lugo

O PP denuncia a “maniobra” dos socialistas na Deputación de expulsar a un compañeiro para tratar así de ter maioría e disolver Suplusa

29, maio, 2018. O Grupo Provincial do PP abandonou hoxe o Pleno da Corporación para denunciar a “maniobra” dos socialistas na Deputación de expulsar a un compañeiro para tratar así de ter maioría e disolver Suplusa. Os populares consideran que a folla de ruta que lle están marcando ao presidente da institución “só busca acabar con el” e cualifican de “surrealista” que ameazara con chamar á Garda Civil para botar fóra a un deputado, que ademais foi o seu vicepresidente.

 

A voceira do PP, Elena Cancia, explicou que “cada vez saímos máis preocupados porque isto era unha maniobra para que puideran ter a maioría suficiente para aprobar a disolución de Suplusa que é o que lles preocupa, quitarlle os instrumentos de traballo a quen primeiro nomearon presidente”. A deputada explicou que Suplusa “ten traballadores, ten proxectos en marcha, constituíuse hai moitos anos, puido facer cousas ben e cousas mal, pero non se pode expulsar a un deputado por iso, non creo que o que dixo fose de entidade como para non deixarlle votar. Creo que se están traspasando os límites e teremos que seguir co noso proxecto e a nosa folla de ruta ante este desgoberno”.

 

Defendeu o papel do PP na aprobación do Plan Único; “tivemos unha participación moi activa desde o 2016, aprobamos os remanentes de crédito e fixemos as nosas achegas na cesión do Breogán, a partir de aí creo que non procede un debate político cando non está toda a Corporación”, expuxo.

 

“Isto é unha maniobra e estanse poñendo neste momento en perigo os postos de traballo, xa se xogou coas persoas seleccionadas nos últimos anos e estamos ante unha situación

complexa na que imos ter que reflexionar sobre acudir aos tribunais porque isto escapa ao debate político toda vez que a unha persoa se lle limita a posibilidade de participar e o Goberno utiliza esa expulsión para ter unha maioría que non ten”, esgrimiu.

 

“O PP ten demostrado todo este tempo que se pode negociar, chegar a acordos, que temos a responsabilidade, pero non se pode traer unha moción de urxencia que nin puidemos ler porque se nos da na porta e esa moción leva implícito rebentar unha institución que leva funcionando tantos anos, que xestiona diñeiro público que ten proxectos na provincia e que para que poida saír adiante expulso ou ameazo coa Garda Civil para poder ter a maioría suficiente”.

 

“Que se aproveite da expulsión dun compañeiro para dinamitar unha institución que xestiona diñeiro público, que ten persoal contratado, seleccionado, que construíu e xestionou millóns de euros nos últimos anos, isto é unha auténtica barbaridade e temos que buscar os mecanismos para que non poida prosperar porque as cousas non se fan así. As maiorías hai que gañalas e os acordos hai que negocialos, pero non se pode rebentar as cousas desta maneira fomentando esa expulsión para ter unha maioría que non conseguiu doutra maneira”, censurou Candia.

 

A voceira do PP explicou que alguén lle ten que querer moi mal ao presidente para estarlle marcando esta folla de ruta e que se dea unha imaxe pleno tras pleno dun auténtico despropósito na institución. “O presidente ten aos inimigos na súa propia casa. O esperpento xa non pode crecer máis”, asegurou.

 

Os populares defenden ademais que para votar a urxencia da moción sobre a disolución de Suplusa se debe contar coa maioría do Pleno.