Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP seguirá a traballar dun “xeito responsable e construtivo” para que a Deputación continúe a mellorar o Plan Único

  • A voceira popular puxo en valor o compromiso da Xunta que antes ca Deputación xa aprobaba o Fondo de Cooperación Local, que chega a todos os concellos da provincia sen excepción e en base a uns criterios obxectivos

  • Candia deu cifras como é a achega de 95 millóns de euros que a Xunta destina a política social na provincia, é dicir máis que o orzamento da administración provincial

  • O Grupo Popular apoia a concesión demanial do Pazo Provincial de Deportes ao Breogán e defende que todos os clubs e entes deportivos teñan salvagardados os dereitos adquiridos

29, maio, 2018. A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, asegurou hoxe en sesión plenaria durante o debate de aprobación do conxunto de actuacións do Plan Único da Deputación, que contou co voto favorable do PP, que “seguiremos traballando para melloralo dun xeito responsable e construtivo” e lamentou a “falta de altura de miras e a pouca elegancia dos socialistas, que de xeito inxusto se atribúen un logro que é froito da xenerosidade e do traballo de todos os grupos políticos, o que permitiu poñerlle fin ao sectarismo político que protagonizaba o PSOE na Deputación”.

 

A popular quixo agradecer tamén o compromiso dos traballadores da Deputación e a súa coordinación cos empregados das administracións locais para sacar adiante este instrumento que permite un maior reparto equitativo dos fondos e a colaboración con todos os concellos da provincia.

 

Claro compromiso da Xunta de Galicia

Elena Candia criticou a falta de verdade dos socialistas sobre o Goberno da Xunta de Galicia, “que tanto ansían”. A institución autonómica, por exemplo, inviste na provincia uns 95 millóns de euros, é dicir, máis que o orzamento da administración provincial. Polo tanto, a actitude do Goberno do PSOE de “atribuírse un logro e de acusar á Xunta de Galicia de falta de colaboración, só pode derivar do descoñecemento ou dunha clara intencionalidade para mentir”.

 

A popular precisou que mentres que a Deputación aproba os plans únicos dende o ano 2016, a Xunta dende o 2010 xa aprobada o Fondo de Cooperación local. “Foi dunha decisión política, non obrigados por lei e que só teñen tres comunidades españolas, e que chega a todos os concellos da provincia sen excepción e en base a uns criterios obxectivos”. Así, o Fondo de Cooperación local reparte na provincia máis de 20 millóns de euros.

 

Cambio de rumbo da institución

A voceira lembra que tanto os datos como os documentos acreditan as actitudes sectarias dos Gobernos socialistas na Deputación e así “podemos dar datos. Dentro da liberdade que ten o presidente para aprobar convenios, entre xullo 2016 e decembro de 2017, a contía destinada a concellos do PSOE ascende aos 11,9 millóns de euros, mentres que o dirixido aos do PP suma só 4,5 millóns de euros”.

 

“Este era o proceder e a forma de Goberno de José Ramón Gómez Besteiro e nós o que buscamos foron visos de normalidade na Deputación e lograr o consenso e a negociación para aprobar un plan que chegase a todos os Concellos e participar así na creación dunha institución distinta”. Polo tanto, “botamos en falta a humildade e a verdade dos socialistas”, que se ven obrigados a estar nesta xestión por estar nun Goberno en minoría”.

 

Entre o BNG e o PSOE descóbrense faltas de palabra e medias verdades

O Grupo Provincial do PP tamén facilitou, coa súa abstención, a modificación do Orzamento 2018, vía suplemento de crédito, amosando “coherencia” nas súas opinións. “Sendo un grupo que aspira a ser Goberno, entendemos que un presidente debe ter tamén capacidade para decidir sobre recursos e non quedar sen marxe de manobra”. Do mesmo xeito, neste punto, Elena Candia, agradeceu a inclusión de peticións do PP como a dotación de marquesiñas ou de desfibriladores.

 

A popular tamén fixo referencia á expresión de que “o tempo pon a cada un no seu sitio”, en referencia ao debate existente entre o BNG e o PSOE neste punto de acordo. Xa que “no seu día foron un matrimonio cómplice” e hoxe quedan ao descuberto “medias verdades, desleadades e faltas de palabra”. O Grupo do PP pide “cordura, xa que cada episodio do pleno é máis triste e cada vez estamos máis orgullosos da coherencia do noso grupo”.

 

Apoio do PP a concesión demanial do Pazo Provincial de Deportes a favor do Breogán

O Grupo Provincial do PP tamén votou a favor da proposta de concesión demanial do Pazo Provincial de Deportes a favor do Breogán en aras dese compromiso adquirido co Club Baloncesto Breogán SAD e “non só co Breogán senón con outros entes deportivos que fan un impagable labor a prol do fomento do deporte”.

 

Así, Elena Candia fixo referencia ao Porta XI CB Ensino, Estudiantes, a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, SDC Garabolos, Federación Galega de Baloncesto, USC Lugo, CB Cidade de Lugo, Baloncesto Franciscano Lugo, Club Balonmán Lucus, Club Muralla Rugby, Club Loita Lugo, Asoc. Depor Judo Muralla, Club Loita Vilalba, Taekwondo Sangiao, Club Squash Muralla de Lugo e Club Squash Monstruíños, dos que defende que deben ter un apartado destacado que sirva de instrumento para recoller a súa opinión e salvagardar os seus dereitos e evitar tratos discriminatorios.

 

No debate deste punto, en relación ás acusacións do BNG sobre a xestión da Xunta de Galicia en Deportes, Elena Candia advertiu ao deputado nacionalista que “cando hai acordos non provoque debate políticos que vostede en deportes teñen totalmente perdidos”. Neste senso, en relación á moción popular sobre as infraestruturas deportivas, a voceira explicou que “este grupo vai retirar as mocións presentadas para o seu debate na sesión de hoxe, xa que non vai deixar que se aproveiten das ausencias para que as mocións sexan rexeitadas e só serán rexeitadas cando teñan oportunidade de votar os 25 deputados. Terá oportunidade de dar a súa opinión e facer as súas aportacións na seguinte sesión plenaria para que Lugo reforce as instalacións deportivas da provincia”.