Partido Popular de Lugo

Barreiro traslada aos alcaldes dos municipios polos que pasa a N-540 o seu apoio para que o Goberno mellore esta estrada e impulse a A-56

18, maio, 2018. O voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, acompañado de deputados nacionais e senadores lucenses mantivo este venres unha reunión cos alcaldes dos municipios de ambas as dúas provincias polos que pasa a N-540, a quenes lles trasladou o seu apoio e a súa disposición para establecer as liñas de colaboración que sexan necesarias para que o Goberno Central continúe mellorando tanto esta estrada, así como o impulso doutra das arterias de comunicación que permitirán comunicar o Sur da provincia con Ourense, a A-56.

 

Neste senso, no marco deste apoio, Barreiro anunciou que antes de que remate o mes, concretamente o día 28, ás 17:00 horas, no Ministerio de Fomento, o Secretario Xeral de Infraestruturas, Manuel Niño González, manterá unha xuntanza cos rexedores para informalos máis polo miúdo das intencións do Executivo de Rajoy respecto destas vías de comunicación e escoitar as súas propostas.

 

“Cremos que é importante esta reunión e así llo trasladei eu mesmo ao Secretario Xeral, pois é importante que, en primeiro lugar, se liciten e executen os treitos previstos, así como os demais”, sinalou Barreiro, ao tempo que defende que “isto non pode quedar aquí porque senón o que estariamos facendo é unha autovía a cachos, de aí a importancia da reunión no Ministerio para demandar que este proxecto teña continuidade”, afirmou.

Contido da reunión

A maiores, o popular explicoulles aos alcaldes que, precisamente, tanto a reforma da nacional 540 como o impulso da autovía xa figuran recollidos na moción que o Grupo do Partido Popular defenderá na Cámara Alta das Cortes Xerais, e que dá continuidade ao compromiso asumido publicamente hai unhas semanas polo propio ministro de Fomento, Íñigo de la Senra, na visita realizada a Lugo para dar conta da conexión ferroviaria permitirá comunicar esta provincia coa de Ourense e estar en Madrid en menos de catro horas.

 

Entrando na profundidade do obxecto da reunión, Barreiro sinalou que “pediremos que os Orzamentos do Estado inclúan a dotación económica suficiente para seguir impulsando a A-56, cuxo treito San Martiño-A Barrela xa está en obras”. No mesmo lote, inclúense os proxectos da variante Norte de Ourense e a A-76. Neste último caso, xa está licitado o contrato para a redacción do proxecto da variante de Monforte de Lemos.

 

Asemade, destacou o avance dos traballos de reparación do firme da N-540, que, “como todos sabemos, soporta un volume importante de tráfico e é de extrema necesidade a súa mellora”. Concretamente, nestes días, estase a levar a cabo o acondicionamento do treito que se atopa en peores condicións, e que corresponde á variante de Chantada.

 

Proxecto da A-56

En canto ás características técnicas, este proxecto comprende un treito de autovía de 9,18 quilómetros e un vial de conexión de 1,23 quilómetros que enlaza esta vía coa estrada N-525. O treito do proxecto comeza no enlace de Cambeo e remata no de As Lamas, incluído a conexión San Martiño-enlace de Barrela norte, a excepción de parte do ramal de cambio de velocidade de incorporación á autovía en sentido Ourense.

 

Por tanto, o proxecto inclúe dous enlaces diferenciados:

 

  • O de Cambeo que conecta coas N-525 e N-540.

  • E o de Vilamarín que da acceso a Ourense, á estradas N-540 e ás poboacións ás que serven as estradas que conflúen nela.

A permebealidade transversal do treito está garantizada mediante a construción dun viaducto para salvar a vaguada do río Barbantiño e de outras trece estruturas, das que oito son pasos superiores e cinco pasos inferiores.

En canto ao Orzamento programado, explicou que existe unha partida de 13 millóns de euros no ano 18 e para o treito da Barrela máis de 10 millóns, aos que hai que engadir outras dúas de 50.000 cada unha para os treitos de Taboada-Narón e Narón-Guntín. Asemade, para a variante de Ourense, a cantidade consignada ascende a 2,5 millóns. Tamén existen unha programación para as anualidades vindeiras. Concretamente, para o ano 19 hai unha proxección de preto de 21 millóns para A-56 e 11 millóns para a variante e Ourense. O intercomunicador de Guntín, que enlazará coa autovía de Santiago, ten este ano consignados 2,5 millóns, no ano 19 cinco millóns e, en 2020 outros 3,5 millóns.