Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada considera unha “falla de respecto institucional e un desprezo aos veciños” que ninguén do goberno local asistise á visita da Xunta á Comunidade de Montes do Castelo

15, maio, 2018. O PP de A Fonsagrada considera unha “falla de respecto institucional e un desprezo aos veciños” que ninguén do goberno local asistise á visita realizada polo delegado da Xunta, e técnicos desta administración, á Comunidade de Montes do Castelo; sobre todo, cando a comitiva acudiu ao lugar de Freixo para dar conta dun investimento de 735.000 euros por parte da consellería de Medio Rural, que beneficiou a moitos veciños da localidade; concretamente, a un total de 42 propietarios de montes da Montaña.

 

Neste senso, os populares lamentan “a pouca altura de miras do alcalde”, demostrando así que “actúa só con criterios partidistas”. Proba delo, indican, é que preferiu estar entregando á mesma hora uns diplomas da Deputación en Becerréa. “Xa vemos o que lle interesa A Fonsagrada ao noso alcalde, que priorizou ir ao concello do alcalde ao que lle quitou a vicepresidencia provincial, en vez de asistir a un acto no que se daba conta dunha inversión que está por riba de calquera interés de Partido”, destacan.

 

Por este motivo, convidan ao socialista a que “reflexione e abandone os líos da Deputación nos que está metido, xa que os veciños de A Fonsagrada non lle temos que ver, nin tampouco merecemos este trato”. “Quizais foi a Becerreá para incomodar ao seu compañeiro e noutrora amigo Manuel Martínez, pero consideramos que os cidadáns debemos de ser máis importantes e debemos de estar por riba do seu afán de vicepresidente”, afirman.

 

E é que a medida anunciada por Balseiro, destacan, supuxo “unha inxección importante” na prevención de incendios, coa que se subvencionaron tratamentos silvícolas a comunidades de montes e a propietarios individuais. Ademais, estas axudas están moi equilibradas, sendo o 51% do importe para concellos da comarca de Os Ancares e o 49% para os de A Fonsagrada, e son complementarias aos convenios que a consellería ten subscritos con máis de 200 montes da provincia de titularidade privada.