Partido Popular de Lugo

O PP aborda este venres “O camiño cara un pacto social e político pola Educación”

09, maio, 2018. O Partido Popular que dirixe Elena Candia, a través da Comisión Provincial de Educación, que coordinan Javier Vázquez Prado e Remedios González Cabarcos, abordará este venres “O camiño cara un pacto social e político pola Educación”. A través desta xornada preténdese debater e sentar as bases deste pacto que tanto reclaman no ámbito escolar, co fin de que se poñan en marcha medios e recursos para garantir unha Eduación amparada nos principios de calidade, equidade e igualdade.

O encontro desenvolverase a partires das 18:00 horas, no Hotel Méndez Núñez, e ten, como soe acontecer en todas as actividades que organiza esta Comisión, unha finalidade “formativa e informativa”. Para elo, contarase coas intervencións dos máximos responsables na materia tanto na Xunta de Galicia, como no Parlamento de Galicia, así como con outra persoa que non só coñece o sector, senón que tivo un papel decisivo neste senso na Cámara Galega dende 1.981 ata 1.997. Trátase, por tanto, do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; do voceiro do PP na sede do Hórreo, César Fernández Gil; e do exdeputado na mesma, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

A xornada enmárcase dentro do programa de actividades que se organizan dende as diferentes comisións sectoriais do Partido. Recentemente, no mes de xaneiro, e baixo a intervención do xuíz Vázquez Taín, informouse do uso da Internet e das redes sociais na adolescencia; un encontro que congregou na sede provincial a máis de 300 persoas, no só da comunidade educativa, senón tamén cidadáns que á marxe de ser un acto organizado por unha formación política, quixeron interesarse sobre a protección xurídica aplicable ao uso dos menores das novas tecnoloxías.