5, maio, 2018. O Grupo Provincial do PP rexistrou un rogo dirixido ao presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, para que acometan dende a administración provincial, “de maneira urxente e inmediata”, as obras necesarias para o arranxo da estrada LU-P-0101.
En concreto, os populares explican que esta vía de titularidade provincial no seu punto quilométrico número 13 á altura do termo municipal de Alfoz, presenta un desprendemento no terraplén, o que motivou o afundimento da calzada e a rotura do firme.
Ademais, dende o PP engaden que o desprendemento do terraplén non só está a provocar danos na metade do ancho da estrada, senón que toda a amplitude da vía presenta gretas e buracos, coa presenza dun claro desnivel dado o afundimento que presenta.
Dende o Grupo Provincial Popular critican que o Goberno socialista da Deputación estea a desatender a petición reiterada de veciños e usuarios, así como do PP local de Alfoz, que demandan unha actuación urxente neste punto quilométrico. “O risco e a falta de seguridade son elevados tanto polo afundimento da estrada como pola mala sinalización e balizado desta zona”, critican os populares.
Polo tanto, dende o PP consideran necesario que de maneira urxente se corrixa a deficiencia que presenta esta estrada provincial “antes de que se poidan chegar a producir danos materiais ou persoais e mesmo poderíase chegar a ter que cortar a estrada xa que a situación posiblemente vaia a peor e a vía cada vez se deteriorará máis debido a que lle entrará auga ao núcleo do terraplén”.