Partido Popular de Lugo

O PP pide a intervención da Valedora ante os reiterados incumprimentos dos acordos plenarios por parte do Goberno da Deputación e, dun xeito específico, dos relativos á aprobación dun novo ROF

3, maio, 2018. O Grupo Provincial do PP remitiu esta mañá un escrito de queixa á Valedora do Pobo a través do que solicita a intervención deste alto comisionado para que dende o Goberno da Deputación de Lugo se respecten os acordos plenarios. Dun xeito concreto, os populares fan referencia aos reiterados incumprimentos relativos á modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento da administración provincial, cuxa ultima moción nin tan sequera chegou a ser debatida por unha decisión, “arbitraria e inxustificada” xa que, segundo defenden dende o PP, esta proposta “contaba cos requisitos legais necesarios para proceder ao seu debate”.

Os populares na exposición de motivos do escrito que remitiron á Valedora expoñen que as mocións que os grupos políticos con representación na institución provincial elevan ao Pleno “son o instrumento fundamental co que contan para formular propostas e peticións ademais de para facer efectiva as funcións de control e orientación política da oposición, cuxo exercicio garante a calidade democrática provincial”.

Ante isto, dende o Grupo Provincial do PP trasládanlle a Valedora que o Equipo de Goberno da Deputación de Lugo está a vulnerar, “dun xeito deliberado e consciente”, o exercicio do Pleno xa que, segundo informan, existen mocións aprobadas que “non son executadas polo equipo de Goberno ou incluso non as deixan someter a debate e votación retirándoas no mesmo momento da celebración da sesión plenaria, como é o caso da última proposta presentada polo Grupo Provincial Popular de modificación do Regulamento Orgánico da Deputación e que quedou sobre a mesa na última sesión plenaria”.

Deste xeito, os populares defenden que cando un cargo representativo exerce as súas funcións “non debe atopar cortapisas inxustificadas, pois doutro xeito vulnérase o seu dereito ao exercicio de representación política, e de forma indirecta, elévanse obstáculos improcedentes á plena efectividade do dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos, pedra angular do noso sistema democrático”.

FEITOS

Os populares no seu escrito tamén explican minuciosamente á Valedora do Pobo os reiterados incumprimentos do Goberno que preside Darío Campos en relación á aprobación dunha “necesaria” modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación tanto “para adaptalo ás novas modificacións lexislativas aplicables ás entidades locais como para a través do ROF garantir o correcto funcionamento dunha institución na que cuxo Goberno se limita a antepoñer os intereses do PSOE aos dos veciños da provincia”.

Dun xeito resumido, existe un primeiro acordo plenario aprobado a raíz dunha iniciativa presentada polo Grupo Provincial do Partido Popular en novembro de 2015 para que o Goberno presentase unha modificación do Regulamento. Dende aquela e pese a ser un tema que se trasladou en varias ocasións ao Pleno e a terse celebrado incluso un pleno extraordinario á petición do PP en marzo de 2017 cun novo acordo para que o regulamento fose un feito antes de verán de 2017, a realidade demostra “a falta de vontade dos socialistas de materializar este acordo e de contar cun regulamento actualizado e que garanta un bo funcionamento da institución”.

O último acontecemento que motiva a queixa do Grupo Provincial do PP deuse na pasada sesión plenaria do mes de abril, cando o PP levou a Pleno, coa súa inclusión na orde do día, unha moción sobre a modificación do Regulamento á que xuntaron a mesma proposta dun novo texto de ROF tal e como fixeran en febreiro de 2017 cando solicitaran a celebración dun Pleno Extraordinario. Este texto xa resultara ditaminado na preceptiva Comisión Informativa de Goberno Interior e Relacións Institucionais e respecto ao que Secretario Xeral da Deputación xa emitira un informe en data 22 de marzo de 2017. Polo tanto, “estabamos ante unha proposta que xa contaba co ditame e informe necesarios para proceder ao debate sobre o mesmo e, no seu caso, aprobación, pero que unha vez máis se paralizou neste caso decidindo o presidente, de xeito unilateral, deixar o asunto sobre a mesa, quedando claro que o seu obxectivo era que nin tan sequera se debatese”.

 

PETICIÓN DO GRUPO POPULAR

Polo tanto, a solicitude concreta que trasladan a través do seu escrito de queixa os populares á Valedora do Pobo é a de pedir a súa intervención “a fin de que o instrumento político fundamental co que contan os Grupos Provinciais para formular propostas e peticións e sometelas á consideración e aprobación do Pleno sexa respectado”.

Neste caso concreto dende o Grupo Provincial Popular solicitan a súa intervención en relación á Moción sobre a modificación do Regulamento Orgánico da Excma. Deputación Provincial de Lugo rexistrada polo Grupo Provincial Popular o 18 de abril de 2018, e, en particular, “indicando ao Goberno da Excma. Deputación Provincial de Lugo que dita moción contaba cos requisitos legais necesarios para proceder ao debate sobre a mesma e, no seu caso, aprobación e que, polo tanto, a decisión de deixar o asunto sobre a mesa foi arbitraria e inxustificada”.

Deste modo os populares expoñen na súa petición que se está a “impedir facer efectivas as funcións de control e orientación política da oposición”, polo que solicita tamén que se lle recorde á Deputación Provincial de Lugo que “cando as mocións resultan aprobadas, os acordos adoptados son actos administrativos cuxo cumprimento debe garantir o Sr. Presidente da entidade provincial segundo a normativa vixente e, polo tanto, se lle recomende “que cumpra coa súa obriga”