Partido Popular de Lugo

O PP de Burela considera “errónea” a solución adoptada para tapar alcorques

BURELA, 3 de maio de 2018.- O Grupo Municipal Popular (GMP) burelés asegura que os materiais empregados polo Concello para tapar os alcorques, como acontece na intersección Rosalía de Castro/Curros Enríquez, non son os máis idóneos. E é que, segundo apuntan, rematar os alcorques con ese tipo de formigón é unha práctica antiestética que despreza o verde e que non facilita a vida das árbores, dado que, ainda que teñan auga, o abono que se lles puidera subministrar non lles chegará en condicións. Polo tanto, “é unha práctica medioambientalmente errónea”, indican os edís do PP.

Dende o Grupo Municipal consideran que “nin o Sr. Fernández Rey como concelleiro de Obras, nin a inoperante edila de Medio Ambiente, a Sra. Ben Vázquez, demostran imaxinación, máis ben todo o contrario. E como o alcalde dá todo por ben feito para non xerar problemas, que sexa o Sr. Llano quen nos diga quén foi a mente privilexiada que ideou tal solución”, subliñan.

Os populares entenden que “a solución adoptada para evitar a herba ao redor das árbores é, de lonxe, a peor”, ao tempo que defenden que existen alternativas respectuosas coas prantas, “o que pasa é que dan máis traballo, pero que garanten a súa supervivencia”, afirman.

Por todo elo, esixen que “se pare con esta práctica, comenzando por corrixir o dano feito, dado que aínda se está a tempo. Ademais, confiamos en que non se siga empregando no futuro”, conclúen.