Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP asegura que o acordo acadado polo Pleno de hoxe supón un paso máis para abrir a residencia de Castroverde

Lugo, 10 de abril de 2018.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, valorou que esta tarde saíse adiante a proposta dos populares na que se defende a eficacia da encomenda de xestión a Suplusa en relación coas residencias. “Hoxe damos un paso máis para poder abrir a residencia de Castroverde, que é a que quere seguir no proxecto anterior” e que ten os permisos pertinentes, explicou, ao tempo que amosou a súa preocupación polo “espectáculo que estamos vendo Pleno tras Pleno”.

 

“Isto non é un Goberno, non hai ningún tipo de entendemento e está provocando como no caso das residencias conflitos que a provincia paga caro e que nós temos que intentar solucionar porque pretenden converter nun problema xurídico o que é un problema político”.

 

A popular asegurou que “é certo que non ten que facer moito o Goberno, mantendo a eficacia da encomenda como aprobamos co voto a favor do seu presidente interpreto que Suplusa ten a posibilidade de abrir Castroverde, que era o obxectivo e non buscamos nada máis”.

 

“Demos un paso máis que é positivo aínda que sexa desagradable ante unha situación tan enquistada e cun Goberno con tan pouca capacidade de consenso que pensan que teñen a maioría e nós sempre colaborando e sendo coherentes porque a proposta de hoxe do ano 2010 deu lugar a moitos acordos cun amplo consenso para a construción das residencias e porque se enfaden entre eles non imos cambiar de criterio”, apuntou.

 

O PP actúa por responsabilidade

Así, Candia afirma que o PP non pode variar a folla de ruta en función de se os que están enfronte son amigos ou están enfadados. “Se poñemos en marcha un proxecto temos que seguilo, por responsabilidade e hai que ser capaces de dar unha solución”.

 

“Queríase prexudicar a determinados concellos e temos que estar aí e marcar unha coherencia e o Goberno non ten que facer nada, Suplusa pode abrir Castroverde e hai que buscar a fórmula de ter a ordenanza de prezos. No acordo que adoptaron esta mañá dan ata finais de ano para abrilas, convocan isto e só buscan desacreditar o acordo de hoxe, iso si que é unha trama, teñen o informe desde febreiro e toda a présa para dar froitos a finais de ano”, censura.

 

Desde o PP consideran que estas actuacións do PSOE son froito dunha fuxida cara adiante, “un proxecto sen rumbo no que se están denunciado a si mesmos e revisando os seus propios actos. Disparan e de seguir así, o disparo vailles dar no pé”, conclúen.