O Incio, 18 de marzo de 2018.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, mantivo esta mañá unha reunión con representantes desta formación na localidade de O Incio, durante a que trataron sobre a necesidade e a urxencia de que se realicen de xeito inmediato, antes de que se produzan maiores danos na Casona de O Incio, as obras de conservación e rehabilitación necesarias neste inmoble.
Para os populares a demolición do edificio cun importante valor histórico e patrimonial, tal e como se anunciou que farán dende o organismo lucense, pese a que non existe polo momento un proxecto técnico; non é a solución para este inmoble senón que dende o PP piden a reorientación dos 250.000 euros previstos para esta actuación a que, en primeiro lugar e con carácter inmediato, se garanta a conservación da Casona de O Incio, que xa sufriu derrubamentos na súa fachada.
De igual modo, os representantes populares pedirán que se consignen fondos nos orzamentos para que, unha vez garantida esta conservación, se realice unha reforma integral, de tal xeito que se lle poida dar ao edifico un dobre carácter hoteleiro e de centro social, o que levaría tamén aparellado o acondicionamento dunha zona verde de 1.460 metros cadrados no que se podería desenvolver un espazo de ocio.
Así, o Grupo Provincial do PP trasladará esta petición, a través dos órganos competentes, de tal forma que este proxecto sexa o máis ambicioso posible e que dea unha “verdadeira resposta ás demandas dos veciños de O Incio e cubra unha necesidade real da localidade”. Os populares fan esta apreciación xa que consideran que a proposta que a alcaldesa levou no seu programa electoral de converter a Casona nun centro de día “non é o que os veciños piden, xa que en O Incio existe unha residencia de maiores que cubre esta necesidade”.
Uso electoralista da Casona
Os populares tamén critican o estado de abandono no que o organismo provincial mantén este inmoble, o que amosa “de xeito moi claro” a falta de compromiso dos socialistas cos veciños de O Incio e con esta edificación.
Tanto é así que os populares denuncian “o excesivo” uso electoralista que os gobernos socialistas fixeron durante anos da Casona do Incio, de cuxos proxectos só se lembraban en épocas electorais pese a “non terlle dado nunca unha solución a esta xoia arquitectónica, sumando anos sen que se realizase ningún tipo de actuación no inmoble, o que desencadeou a situación de abandono na que se atopa actualmente a Casona”.
Ademais, dende o Grupo Provincial do Partido Popular tamén critican que as contías que se dotan nas contas de Suplusa para a Casona de O Incio “son manifestamente insuficientes, de aí que pediremos unha maior achega económica que permita darlle unha solución a esta edificación”.
A Casona, situada na Cruz de O Incio, diante do edificio do Concello, é, segundo os populares, ademais da Igrexa, o único edificio que ten un considerable valor histórico-patrimonial, polo que “lamentamos o estado que presenta e consideramos que a súa demolición e a construción dun edificio de similares características non é a solución nin que defendemos os populares nin os veciños, polo que pedimos a súa conservación e rehabilitación, dándolle un uso que responda a unha petición da localidade”.