Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá critica que a crise interna que atravesa o PSOE local afecte “de xeito claro” ao funcionamento do Concello

LOURENZÁ, 16 de marzo de 2018.- O PP de Lourenzá critica que a “clara e manifesta” crise interna que atravesa o PSOE da localidade e, especialmente, as discrepancias existentes dentro do Grupo Municipal Socialista, que lidera a alcaldesa da localidade, Rocío López, estean a afectar ao funcionamento do Concello.

 

En concreto, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Emma Álvarez, fixo estas declaracións xa que segundo a orde do día da que dispón o Grupo Popular, na sesión plenaria celebrada onte prevíase a toma de posesión do novo concelleiro do PSOE (Guillermo Rial), que substituiría ao que fora edil de Deportes e Festexos, Francisco Dasilva. Este punto non se fixo efectivo durante a sesión plenaria, situación que a alcaldesa xustificou en motivos persoais pero que “deixa en evidencia a profunda crise interna que está a sufrir o PSOE na localidade e a falta de liderado que ten a alcaldesa para coordinar o Grupo Municipal Socialista na Corporación de Lourenzá”.

 

A voceira dos populares lembra que o propio edil que renunciou a ser concelleiro do Grupo do PSOE amosou o descontento que sufría dentro do Grupo Municipal, no que chegou a asegurar que se sentía ninguneado, asegurando que esta situación se facía extensible a outros integrantes socialistas. “A realidade é que dende o rexistro deste escrito no mes de outubro do ano pasado a alcaldesa non foi quen de integrar no seu equipo a un novo edil que asuma as funcións específicas que ata a data tiña como responsabilidade o edil saínte”, precisa Emma Álvarez.

 

A voceira dos populares lamenta que a rexedora socialista non sexa nin tan sequera quen de “manter unha orde dentro do seu Grupo Municipal polo que pouco se pode agarda da xestión que poida facer dos fondos públicos de todos os laurentinos”, lamenta Emma Álvarez. “Está claro que o mal entendemento dun Grupo de Goberno repercute negativamente nos veciños e na resposta que se lles poida dar as súas demandas, polo que esiximos seriedade e traballo, xa que os laurentinos non se merecen o descontrol que se está a amosar no Concello de Lourenzá ante a falta de xestión da máxima responsable”, pediu a popular.

 

“Sufrimos suspensións de plenos por falta de asuntos que tratar pese ás numerosas peticións existentes que agardaban sobre a mesa sen unha resposta en positivo; estamos á espera de que sexan atendidas demandas dos veciños cunha clara urxencia e necesidade; reducíronse e desmanteláronse servizos públicos…”, lamenta Emma Álvarez, quen engade que “non é permisible esta clara falta de compromiso e de asunción de competencias”.