BURELA, 16 de marzo de 2018.- “A concelleira de Igualdade, Patricia Otero, debe estar moi ocupada nas súas actividades privadas porque dez días despois de que presentaramos petición por escrito da memoria avaliativa do grao de cumprimento dos obxectivos do IV Plan de Igualdade entre mulleres e homes 2015-2017 non foi capaz de contestarnos, nin tan siquera para dicirnos que non ten nada feito”, afirma o Grupo Municipal Popular de Burela.
E é que o dende o PP consideran que “resulta especialmente cínico e grave, ou cando menos absolutamente incoherente e de difícil explicación, que esta señora participe en concentracións en defensa da muller e, pola contra,no seu traballo diario, non demostre o mesmo entusiasmo, como o pon de manifesto a ausencia da memoria avaliativa do IV Plan de Igualdade”.
Os populares afirman “estar seguros de que a Sra. Otero ten a memoria sen facer” porque nela forzosamente tería que recoller que nada se fixo no tocante á vivenda de emerxencia, ou no tocante ao punto de encontro; dous dos aspectos máis importantes do IV Plan de Igualdade, por non dicir os que máis.
Polo tanto, indican os populares, “estamos ante unha concelleira de Igualdade fallida, pouco dada ao traballo, que non resiste a proba do algodón coas súas antecesoras, e que semella estar no Concello unicamente para cobrar os 14.000’00€/ano que ten asignados por catro horas diarias”.
Plan de Integración
Asemade, dende o PP din que “o mesmo que acontece na área de Igualdade, acontece na área de Inmigración”, pois nun dos últimos plenos preguntáronlle á Sra. Gómez, a concelleira na materia, sobre o grao de cumplimento do Plan de Integración de Inmigrantes e nada lles contestou, co que, afirman, “nos deu a entender que o que se fai faise grazas ao persoal municipal, pero que non hai ningunha iniciativa política”, remarcan.
En definitiva, afirman, “estamos ante outra mostra máis da inoperancia e incompetencia política do alcalde e do seu equipo”. “Só son capaces de facer política de xestos e de fotos, pero son incapaces de xestionar o día a día e de ter iniciativa”, conclúen.