Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP solicita un pleno extraordinario para impedir a paralización das residencias da Deputación por parte do PSOE

Lugo, 16 de marzo de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de rexistrar hoxe a celebración dun pleno de carácter extraordinario para impedir a paralización das residencias da Deputación por parte do PSOE.

 

Os populares recordan que neste momento os centros de Trabada e Castroverde contan co Permiso de Inicio de Actividade (PIA) a nome de Suplusa, posto que é a entidade que ten a encomenda de construción e xestión das residencias desde o ano 2010.

 

Desde o PP advirten que o feito de retirarlle a condición de medio propio a Suplusa para servizos sociais, un acordo que tomou a Xunta de Goberno do PSOE a pasada semana, provoca o bloqueo da súa apertura. Un bloqueo que perpetúan ademais desde o Goberno provincial ao non ter aínda aprobada a ordenanza que fixa os prezos de cada praza.

 

Evitan abrir os centros

A voceira do PP, Elena Candia, sostén que a retirada da consideración de medio propio faise “claramente” para evitar a apertura das residencias, como se deduce de que para o resto de servizos que presta Suplusa non se lle retira.

 

Desde o Goberno provincial fundamentan ademais esta retirada en incumprimentos absolutamente discutibles, pero que ademais algúns deles foron feitos polo propio presidente da Deputación. Desde o PP consideran que as constantes barbaridades que comete o presidente, só ideadas por quen quere sacalo de escenario político e levándoo á confrontación interna constante, están a provocar un dano irreparable non só á imaxe da institución senón tamén ao funcionamento dos servizos sociais. “E o que é máis grave, precisan, poñen en risco o traballo e un investimento enorme de máis de doce millóns de euros”.

 

Chamamento aos alcaldes

O Grupo Provincial do PP fixo hoxe un chamamento aos alcaldes para que sexan conscientes que a Deputación, lonxe de cumprir un convenio asinado hai anos, agora pretende enredar e confundir aos veciños e veciñas con sinaturas de protocolos que son soamente brindes ao sol.