Partido Popular de Lugo

NNXX de Lugo pon en valor o esforzo de fábricas como Torre de Núñez “por aumentar a súa rendibilidade nos mercados nacional e internacional e seguir o camiño da calidade e da innovación como claves do éxito”

LUGO, 16 de marzo de 2018.- Novas Xeracións de Lugo, que preside Alejandro Pena López-Boado, pon en valor o esforzo de fábricas como Torre de Núñez “por aumentar a súa rendibilidade no mercado nacional e internacional e seguir o camiño da calidade e da innovación como claves do seu éxito”. Foi durante a visita organizada pola organización xuvenil esta mañá ás instalacións que a entidade ten en Conturiz e no Corgo, e que se enmarca no obxectivo anunciado polo presidente, no día da súa elección, de coñecer a realidade socioeconómica de Lugo para ser parte activa na mesma.

 

Os mozos, que estiveron acompañados pola presidenta provincial da organización, Rosa Arza; do voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro; do voceiro do Grupo Municipal de Lugo, Antonio Ameijide, así como dos concelleiros Enrique Rozas, Manuel López e Ángel Trabada; constataron como a filosofía emprendida por esta empresa, durante os máis de 40 anos que leva elaborando produtos cárnicos, lle permite ser un referente no sector. Tal é así que Torre de Núñez pechou o ano cunha facturación que superou os 23 millóns de euros; o que supuxo un incremento no seu volume de negocio de máis do 7% e o mantemento de 100 postos de traballo directos.

 

“Cremos que este esforzo merece un recoñecemento por parte dos que estamos iniciando a nosa vida laboral ou está entre as nosas posibilidades de futuro emprender”, apuntou o presidente de NNXX de Lugo. Precisamente, neste senso, José Manuel Barreiro, destacou que Torre de Núñez “é hoxe un espello no que os mozos lucenses e da provincia poden mirarse, e un exemplo de que se sumamos calidade, bo facer, iniciativa e capital humano, se pode chegar lonxe”, afirmaron.

 

Presenza da marca a nivel mundial

Froito desa expansión, na actualidade pódese atopar esta marca lucense nos establecementos das principais cadeas do país. Concretamente, segundo apuntaron o representantes da mesma, está presente en máis de 4.000 puntos de venda de España e, no mercado internacional, sitúase en lugares tan diversos como Xapón, Moldavia, Cuba, Alemaña, Portugal, Reino Unido, Francia, Italia, Dinamarca, Suecia, Noruega, Guatemala, República Dominicana, Panamá, Hong Kong ou Bélxica.

 

Este crecemento empresarial foi posible grazas a que a entidade soubo adaptarse ás necesidades dos mercados e ao incremento da súa capacidade produtiva. En 2016 ampliou a súas instalacións construíndo unha pranta de 2.000 metros cadrados dedicada única e exclusivamente ao loncheado dos seus produtos e, no último trimestre de 2018, rematará a ampliación do secadoiro de xamóns cos que alcanzará as 500.000 pezas en estancia; o que supón un investimento de 4 millóns de euros (a Xunta de Galicia aporta 1,3 millóns) e o incremento do persoal nun 15% durante os próximos tres anos.

 

Líder no sector

Dende abril de 2015, Torre de Núñez é membro do Consorcio do Xamón Serrano Español. Este consorcio é unha asociación de empresas que, dende 1990, agrupa as máis importantes compañías do sector cárnico español, todas elas líderes na fabricación e exportación deste produto.

 

En 2017 esta empresa cárnica foi distinguida con diversos premios. As súas salchichas “Sin+” recibiron en Bruxelas o galardón 2017Superior TasteAdwards, que concede anualmente o TasteandQualityInstitute (iTQi) e que é considerado como o único selo de calidade en sabor. Tamén esta entidade foi distinguida con dous indicadores de boa xestión que entrega o servizo de información empresarial Ardán, da Zona Franca de Vigo.

 

No marco da súa acción social, en 2017 doou 10 toneladas dos seus produtos a distintas asociacións benéficas de Lugo. Asemade, colaborou coa campaña de Nadal Hagamos algo nuevojuntos, destinada a persoas da terceira idade; así como con Pontevedrada sobre a concienciación da necesidade de doazón de sangue e órganos. Tamén apoiou a deportes minoritarios, a través da iniciativa GeneraciónBocata.