Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada responsabiliza á alcaldesa e á Deputación de impedir a apertura da residencia, agora que xa conta co PIA

Trabada, 15 de marzo de 2018.- O PP de Trabada responsabiliza á alcaldesa e á Deputación de Lugo de impedir a apertura da residencia, agora que xa conta co PIA (Permiso de Inicio de Actividade) que vén de concederlle a Xunta de Galicia o pasado día 13 de marzo. O Grupo Municipal do Partido Popular de Trabada sostén que o retraso na posta en funcionamento se debe exclusivamente a que o Goberno provincial aínda non ten aprobada a ordenanza que fixa os prezos por praza destes centros, polo que son os socialistas os que non teñen feitos os seus deberes.

 

“Non se pode saír na prensa presumindo e despois ser responsables directos do retraso na apertura da residencia”, indican.

 

Desde o PP amosan as súas sospeitas porque tanto a alcaldesa como o presidente da Deputación, os socialistas Mayra García e Darío Campos, teñan intención real de abrir este centro de maiores cando ademais a pasada semana ambos os dous votaron a favor de retirarlle as competencias a Suplusa para a xestión dos centros.

 

Así, desde o Grupo Municipal do PP recordan que primeiro os socialistas fixeron todos os trámites a través da Sociedade Urbanística Provincial, por ser quen ten a encomenda de xestión (incluída a construción e xestión) sobre as residencias, pero o pasado venres deron un xiro inexplicable na súa acción retirándolle as competencias a Suplusa para darllas á Deputación.

 

Unha actitude “incomprensible”

Esta decisión, precisan, podería traer consigo un novo retraso na apertura dos centros xa rematados e que contan con todos os permisos necesarios para a súa entrada de funcionamento, como é o caso da residencia de Trabada e a de Castroverde. A propia alcaldesa de Trabada, Mayra García, votou a favor deste cambio na Xunta de Goberno da Deputación, da que é membro, polo que apoiaría tamén ese retraso na apertura da residencia do seu Concello, unha actitude que desde o PP consideran “incomprensible”.

 

Así as cousas, os populares queren que se aclare tamén se segue a ter validez o convenio asinado no ano 2011 entre o Concello e Suplusa para a construción e xestión do centro de atención á terceira idade, cómo será o modelo de xestión, qué prazos manexan para poñelo en funcionamento e qué teñen previsto facer coas persoas que fixeron as probas de selección e seguen á espera de empezar a traballar.

 

Os populares de Trabada consideran que “cada día que pase” coa residencia pechada será responsabilidade de Mayra García, que como alcaldesa e deputada provincial está a poñer atrancos para impedir que as instalacións poidan empezar a funcionar. Lamentan que a falta de entendemento e os desaguisados internos que ten o PSOE na Deputación vaian manter paralizadas unhas instalacións nas que se investiron preto de 1,5 millóns de euros.