Partido Popular de Lugo

O PP de Burela: “o alcalde e o seu goberno só aparecen nas fotos e agarrando pancartas, e nin aí están todos”

BURELA, 14 de marzo de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela afirms que tanto o alcalde, coma o seu equipo de goberno, “só están para aparecer en fotos e en manifestacións, e nin aí están todos”. A este respecto, matizan: “non temos nada en contra disto. Poden saír e ir ás que queiran, pero o primordial para un alcalde e os seus concelleiros é o día a día da vida municipal e os proxectos de futuro para o concello”, destacan.

 

Os edís populares fan esta afirmación porque “non teñen proxectos de futuro, xa que non falan de parques empresariais ou de axudas á implantación de empresas en Burela para que a xente atope traballo”. Por este motivo, consideran que, alomenos, “deberían mirar polo día a día, pero nin así: están moi ocupados nas poses fotográficas e nas pancartas”, reiteran.

 

Isto demóstrase nos seguintes exemplos: “o alcalde protesta polo estado da N-642, pero ata o momento non fixo nada por tapar as fochancas que hai na Estación, situadas en pleno centro de Burela e nunha zona moi transitada; o que leva orixinando protestas dos usuarios dende hai varios meses. Non hai nin un pouco de cemento para tapalos. Qué fan o alcalde e o concelleiro de Obras? Nada”, destacan.

 

Dende este Grupo lembran que, no pleno do un de febreiro, reclamaron o cambio ou a retirada das fotos antigas de Burela que hai no peirao. Neste caso, “nin unha cousa nin a outra, e iso que retiralas non debe levar moito tempo”. Por iso, preguntánse que fan o alcalde e o concelleiro de Turismo. “Casualmente o mesmo co de Obras? Nada”, apuntan.

 

En dita sesión, indican os populares, manifestaron que, dende Reis, na Avda. do Perdouro, existen unha ampla zona na que non funciona o alumeado municipal. Neste caso, “as cousas seguen igual, e que fan o alcalde e o concelleiro de Obras, que din estar tan preocupados pola seguridade viaria? Nada”, remarcan, unha vez máis.

 

A esta deixadez de funcións, hai que sumar a retirada inxustificada de pasos de peóns, contedores de lixo que pasan días sen suxección e desparramados polo vento, ou barandas de seguridade rotas que non se reparan. “Temos o panorama perfecto para que Burela deixe de ser bonita e sexa un Desastre gracias á vagancia do alcalde e do seu equipo”, sentencian.