VIVEIRO/ALFOZ, 9 de marzo de 2018.- Os deputados no Parlamento de Galicia e no Congreso, Daniel Vega e Jaime de Olano, elexiron dúas empresas do sector forestal da Mariña, situadas en Viveiro e en Alfoz,para poñer en valor a necesidade de apoiar o mercado da madeira, pois son máis de 20.000 mariñanos os que benefician cada ano da venda deste produto.
Deste xeito, e segundo o informe publicado recentemente por Promagal, entre outras entidades, a maioría dos ingresos que se perciben na comarca xorden na súa inmensa maioría da produción do eucalipto. Por este motivo, os populares criticaron, no encontro que mantiveron con representantes das entidades indicadas, que outros Partidos, na distintas cámaras parlamentarias, pretendesen incluír esta especie no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, aprobado polo Real Decreto 630/2013, “a sabendas de que coñecen que non existe nin base, nin consenso científico para elo e que a súa explotación reverte na creación de empregos na comarca”.
Segundo a mesma fonte, en cada concello da Mariña hai unha media dunhas 4.000 hectáreas de monte con madeira que está nas condicións axeitadas para ser cortada. Precisamente, desta masa arbórea, unhas 300 toneladas son de eucalipto; é dicir, a maior parte da produción madereira nesta comarca procede desta especie. Este datos son os que levaron aos deputados a defender que “debemos de abandonar os debates estériles e, de cara ao futuro, avanzar na ordenación do monte”; pois isto, engaden, “levaría aparellado unha delimitación máis clara das plantacións de eucalipto e os lugares para facelo”.
Os deputados da Mariña puntualizaron, asemade, que un impulso desta actividade é a única forma de fixar poboación e de reducir o abandono das fincas; o que contribuiría tamén a minimizar o risco de incendios.
En clave autonómica
Con un 8% do total da superficie forestal arbolada, Galicia acapara o 50% das cortas de madeira do país, liderando esta porcentaxe o eucalipto, que se sitúa nun 19% fronte ao 1,5 de coníferas e o 7,5% das frondosas. “O eucalipto hai que velo como unha oportunidade económica porque é o principal recurso económico do sector forestal na provincia e en Galicia. É dicir, se aumentamos o abastecemento de eucaliptos, as fábricas van aumentar a súa capacidade na transformación”, subliñaron.
Concretamente, o sector forestal aporta máis do 9% ao PIB galego e xera máis do 12% do emprego industrial na Comunidade. Só en emprego directo, en Galicia existen máis de 1.800 empresas que traballan con esta especie, exportando máis do 90% da súa produción a Europa.
Empresas de referencia
Tanto a empresa de Viveiro, Pigueiras, como a de Alfoz, Costiña, son dúas factorías referentes na produción forestal provincial e autonómica. A primeira conta con 2.000 metros cadrados de capacidade diaria, e todos os seus produtos dispoñen de certificados de calidade tanto na súa fabricación como no seu desenvolvemento. Traballa, fundamentalmente, para garantir a repoboación e o coidado co medio ambiente.
No caso de Costiña, con máis de 70 anos de experiencia no sector, dispón de dúas prantas para o desenvolvemento da súa actividade, unha situada en Bacoi, onde realizan os tratamentos da madeira, e outra en Avilés, destinada ao deseño e fabricación de embalaxes a medida.
Vega e Olano enmarcaron esta xuntanza no obxectivo de “analizar as preocupacións e necesidades que ten o sector para intentar darlles unha resposta axeitada dende os ámbitos e administracións con competencias na materia”.
A maiores, tamén comprobaron o traballo diario que desenvolven estas dúas empresas, convencidos de que o contacto directo cos traballadores é vital. A este respecto, adiantaron que, “dende o Partido Popular, seguiremos visitando iniciativas privadas e apoiando a comarca para traducilo en feitos”.