Partido Popular de Lugo

O PP logra de novo que a Deputación dea un paso adiante na asistencia que presta aos maiores e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria

Lugo, 27 de febreiro de 2018.- O Grupo Provincial do PP acadou no Pleno da Deputación celebrado hoxe que dende a administración lucense se dea un novo paso cara adiante para seguir a mellorar na calidade e na atención que se presta aos usuarios do Servizo de Teleasistencia. Deste xeito, a Corporación provincial aprobou por unanimidade a iniciativa presentada polo Grupo Popular para que a Deputación actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles ou xeolocalizadores de persoas.

 

Na súa iniciativa plenaria, os populares tamén logran o acordo da Deputación de Lugo para que, en colaboración coa Xunta de Galicia e as corporacións locais da provincia de Lugo, se cree un grupo de traballo para coordinar a prestación deste servizo de xeito integral e particularmente, tendo en conta a implementación das medidas complementarias xa citadas, xa que a “coordinación é importante para mellorar o aproveitamento dos recursos”.

 

A deputada popular, Mari Teijeiro, explicou que na actualidade o Servizo de Teleasistencia presta unha atención integral, pero limitada no marco domiciliario aínda que as súas posibilidades son maiores, de feito, segundo engaden dende o Grupo Popular, algunhas administracións están a facer uso de modalidades complementarias como dispositivos móbiles ou de localización GPS de persoas “que melloran a rendibilidade do servizo e favorecen a seguridade e tranquilidade dos seus usuarios”.

 

Estas modalidades complementarias á prestación integral que ofrece na actualidade o Servizo de Teleasistencia da Deputación de Lugo permitirían lanzar unha sinal de alarma estando o usuario fóra do domicilio ou contar cun dispositivo xeolocalizador que permitiría coñecer o emprazamento da persoa cando fose preciso por razóns de seguridade ou emerxencia. Estes sistemas de localización, que poderían colocarse ben no corpo, a través dunha pulseira, ou ben na roupa, “posibilitan darlle unha maior tranquilidade ás familias, ademais de que se garantiría que os maiores puidesen continuar residindo nos seus propios domicilios”, defendeu Mari Teijeiro

 

O PP marca o punto de inflexión para revitalizar o servizo

Deste xeito, o Grupo Popular acada que se dea un paso máis e se siga mellorando a calidade de atención dentro das posibilidades que se albergan na esencia deste servizo. En concreto, Mari Teijeiro asegurou que “nos alegramos da noticia difundida onte polos socialistas. Foi o Partido Popular no Goberno da Deputación o que marcou o punto de inflexión para que o Servizo de Teleasistencia volvese a ser o que era antano e acadase a melloría da que falan os socialistas”.

 

Dende o Grupo do PP explican que o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria convértese nun apoio fundamental na provincia de Lugo “se temos en conta o seu perfil demográfico e a súa dispersión xeográfica, motivo polo que cando asumimos, en xuño de 2015, competencias de Goberno na Deputación, tomamos a determinación de afrontar o custo íntegro do mesmo, posto que ata a data os municipios estaban obrigados a cubrir a metade dos gastos da teleasistencia”.

 

Do mesmo xeito, Teijeiro lembrou que cando o PP chegou ao Goberno da Deputación o Servizo de Teleasistencia estaba abocado á desaparición ao perder cada ano un 10% dos usuarios e sen dar novas altas. Así, na liña de actualizar e estender o servizo novamente, dende o Goberno Popular estábase a traballar na elaboración dunha nova ordenanza adecuada ás necesidades actuais que permitira novas altas e unha maior calidade na atención e prestación deste servizo, cuestión “da que deixamos encomenda de continuidade aos socialistas cando asumiron novamente responsabilidades de Goberno”.

O Goberno socialista mirou cara outro lado

En relación ás criticas do PSOE e do BNG, Mari Teijeiro matizou que “vostedes din que o Ministerio recortou a axuda que daba ás Deputacións para a prestación do servizo, pero o que non di é que a Xunta de Galicia púxose en contacto con vostedes para reordenar a prestación do servizo e asumir os costes logrando así un mellor aproveitamento e eficiencia dos recursos. Non din vostedes tampouco nada de que a Deputación de Lugo foi a única que non chegou a un acordo coa Xunta basicamente porque non se presentaron, nin quixeron diálogo”. De igual xeito, a popular engadiu que “non din vostedes nada de que durante oito anos a Deputación estivo mirando cara outro lado e non deu novas altas no Servizo de Teleasistencia, mentres a Xunta asumiu as solicitudes non aceptadas pola Deputación independentemente de que os solicitantes tivesen ou non dependencia”.