Partido Popular de Lugo

O PP de Burela alerta que a sinalización horizontal da Avda. da Mariña causa malestar entre os usuarios

BURELA, 27 de febreiro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela alerta que a sinalización horizontal da Avda. da Mariña “decidida polo alcalde e o seu edil de Obras” xa está a provocar protestas entre os cidadáns, exactamente igual que aconteceu en Arcadio Pardiñas, dado que os vehículos que circulen en dirección ao porto non poderán aparcar á esquerda debido ao pintado dunha liña continua que imposibilita tal maniobra, tal e como se viña facendo ata o de agora, sen que houbese problemas salientables.

 

Desde o Grupo Municipal indican que bastantes cidadáns que usan a cotío ese vial “xa nos teñen manifestado o seu malestar porque a solución adoptada provoca trastornos aos usuarios”. Os edís populares entenden que, “unha vez máis, o alcalde e o tenente de alcalde teñen unha ocurrencia ou fanlle caso a sabe Deus quen, e ordenan unha sinalización horizontal que vai provocar que alguén que circule pola Avda. da Mariña en dirección ao porto e queira ou teña que aparcar á outra marxe deberá chegar ao mesmo porto, dar a volta e subir a Avda. da Mariña dirección Correo Vello para poder estacionar. É dicir, un total contrasentido, dado que ata o de agora esa maniobra estaba permitida e non tiña acontecido ningún accidente preocupante”, puntualizan.

 

“O goberno local, indica o PP, repite o xeito de actuar que tivo en Arcadio Pardiñas. Semella querer enfrontarse con todo o mundo, aínda que seguro que nos dirá o alcalde que eles non teñen ningunha responsabilidade, e quenes cargarán co marrón será a Policía Muncipal e/ou a técnica de Urbanismo. Pero o malestar da cidadanía está aí, cando o máis sinxelo era deixar as cousas como estaban”, remarcan.