Partido Popular de Lugo

Candia pon en valor a probación do Plan Único que “vén para quedarse” e que nace froito dun Goberno en minoría “obrigado a escoitar e a abandonar o sectarismo”

Lugo, 27 de febreiro de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular votou esta mañá a favor das bases reguladoras do Plan Único de Cooperación con todos os concellos da provincia de Lugo. En concreto, a voceira dos populares, Elena Candia, pon en valor a aprobación do Plan Único do 2018, do que asegura que “vén para quedarse”, independentemente de quen goberne na institución provincial, e do que tamén precisa que naceu froito dun Goberno en minoría na Deputación de Lugo que “se veu obrigado a escoitar e a abandonar o sectarismo político que tiña instaurado o PSOE na administración lucense”.

 

Elena Candia explicou que os populares séntense parte desta iniciativa e desta nova forma de traballar que se está a dar na Deputación de Lugo xa que o PSOE “viuse obrigado a rectificar ao ter un Goberno minoría, o que implicou a constitución dunha institución provincial diferente, na que tivo un papel moi importante o esforzo, o traballo e a implicación dos funcionarios”. A popular defendeu que o “Goberno ten que ter o seu proxecto de provincia e os seus fondos para levalo a cabo, xa que todo executivo en minoría está lexitimado, pero está claro que a análise permítenos comprobar que de ter a maioría suficiente seguirían a comportarse tal e como o estaban a facer, dándolle prioridade só a uns Concellos”.

 

Bases do Plan Único

Dun xeito máis preciso, Elena Candia ao analizar as bases do Plan Único agradeceu a incorporación de novidades como é a posibilidade que teñen os concellos de destinar ata o 30% a turismo, actividades culturais e eventos deportivos, o que considera como unha forma de respecto ao principio de autonomía local xa que no pasado Plan Único había unha limitación maior á hora de achegar fondos a estas finalidades. A voceira tamén puxo en valor a oportunidade de destinar fondos para a administración electrónica e preguntouse polos preto de 25 millóns de euros do Innovate que a Deputación de Lugo destinou a esta finalidade sen acadar os obxectivos previstos. De igual maneira, a popular, mentres que aplaudiu estes cambios, tamén fixo fincapé na crítica que os concellos amosaron sobre a redución da posibilidade de solicitar un anticipo da axuda, que pasou do 80 ao 50%.

 

Un Plan solicitado polo Grupo Popular

Elena Candia xustificou o voto favorable ao Plan Único tamén en que o Grupo Provincial do Partido Popular solicitou ata en 17 ocasións dende o ano 2011 a aprobación dun plan de colaboración con todos os concellos da provincia co que se puxese fin á discriminación partidista imperante na Deputación lucense. Do mesmo xeito, a voceira tamén lembrou que cando tiveron responsabilidades de Goberno no ano 2015, aprobaron un plan de reequilibrio para paliar as discriminacións existentes ata daquela.

 

Traballo do Goberno galego

A presidenta provincial tamén puxo en valor que esta forma de traballar en colaboración con todos os concellos da provincia instaurouse no Goberno da Xunta de Galicia con Alberto Núñez Feijóo e fixo referencia ao Plan de Cooperación Local, que pon en marcha a Xunta de Galicia, sendo só tres as comunidades nacionais que o fan, por importe de 119 millóns de euros, guiándose por uns criterios claramente obxectivos e respectuosos co principio de autonomía local.

 

A popular non entende que un alcalde chegue a menosprezar este Plan da Xunta de Galicia, como fixo o alcalde da Fonsagrada na súa intervención, ademais de que non acepta a critica que os socialistas achacan ao Goberno autonomía en materia de servizos sociais, cando a Deputación de Lugo foi a única administración galega que desoíu durante anos o decreto de servizos sociais que a obrigaba a colaborar co servizo de axuda no fogar.