Partido Popular de Lugo

Balado: “A Xunta é quen financia o patrimonio que vale para ver na provincia, mentres a Deputación fai folletos”

Lugo, 27 de febreiro de 2018.- O deputado do PP Francisco Balado asegurou hoxe que na provincia de Lugo “a Xunta é quen financia o patrimonio que vale para ver, mentres a Deputación organiza xornadas e fai folletos para matar o tempo”.

 

O Grupo Provincial do PP non apoiou a moción presentada polo PSOE en relación co templo de Santa Eulalia de Bóveda ao entender que as melloras necesarias no monumento xa foron acordadas no Parlamento e ao conter ademais indicacións contrarias ás que marcan os técnicos. Tamén aclarou que o monumento non estivo pechado, como din os socialistas, senón que houbo un período de cambio do audio-guía no que tamén se fixeron obras e no que, a pesar disto, foron atendidas 150 persoas e 10 grupos.

 

O deputado explicou que o groso da proposta do PSOE xa foi aprobado no Parlamento e algunhas peticións que fan van en contra dos criterios técnicos, como rematar o estudo sobre a súa situación, xa que hai técnicos que sosteñen que primeiro hai que eliminar as filtracións e resultaría contraproducente para as pinturas ata estabilizar a humidade. “Non se pode actuar nos termos que din e por iso non podemos votar a favor”, explicou.

 

O PSOE chega tarde

“Chegan tarde con este asunto porque todo isto foi debatido e aprobado na comisión 4ª de Cultura do Parlamento o 11 de outubro de 2017, polo que xa se está a traballar nesa liña. Xa está aprobado. O texto aprobado por unanimidade contiña poñer en marcha as medidas aprobadas pola comisión establecendo un plan de mantemento e recuperación do patrimonio de Bóveda, así como dirixirse a outras institucións para a súa posta en valor, promoción e difusión, como ao Concello e á Deputación”.

 

O deputado aclarou que “é rotundamente falso que non se fixese nada polo monumento desde a chegada de Feijóo. Non se desatendeu nin as actuacións se reduciron a tomar datos. En 2016 leváronse a cabo numerosas actuacións de limpeza e rehabilitación.En 2017 limpouse o pavimento da piscina, revisión da pintura mural, entre outras actuacións. Os estudos e controis da humidade superaron os 40.000 euros de investimento nese ano”, apuntou.

 

“É difícil soster unha acusación de abandono do monumento cando a Xunta levou a cabo en dous anos estas labores de actuacións, polo que vostedes fan todo isto para aparentar unha falsa preocupación sobre Santa Eulalia de Bóveda coincidindo coa xornada que organizan sobre o monumento porque queren un titular de prensa”.

 

Así, engadiu Balado, a Xunta está conservando e rehabilitando Santa Eulalia como acreditan as máis de 600 persoas que pasan polo monumento ao mes.

 

Un millón de euros de investimento

A Xunta de Galicia investiu preto dun millón de euros en obras de restauración e posta en valor do Templo Romano de Santa Eulalia de Bóveda desde que no ano 1984 cando o Goberno galego asumiu as competencias plenas sobre este monumento histórico.

 

O groso dos investimentos estiveron orientados ás obras de rehabilitación e conservación do templo, un edificio histórico único destas características en todo o Occidente europeo.

 

As últimas actuacións estiveron relacionadas coa mellora da oficina e dos espazos que ocupa o persoal encargado da guías e seguridade, arranxos nas portas e o chan, substitución da iluminación, e instalación de novo equipamento informático e teléfonos, todo co obxecto de ofrecer un mellor servizo aos visitantes desde Monumento Nacional declarado Ben de Interese Cultural en 1985.

 

Outra das actuacións que maior esforzo técnico e orzamentario precisa é a relacionada co programa de mantemento, monitorización, toma de datos, accións de control climático e conservación preventiva, iniciadas no ano 2013 e que continúan activas xa que logo permiten realizar un seguimento continuo do estado do monumento, e efectuar estudos e distintas propostas de intervención en función dos distintos deterioracións que poida sufrir o monumento.

 

Neste ámbito a Xunta acometeu o levantamento en 3D do monumento, distintos traballos de control climático e das condicións de humidade aos que só nos últimos dous anos se destinaron máis de 60.000 euros.