Partido Popular de Lugo

O PP solicita que a Deputación reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles ou xeolocalizadores de persoas

Lugo, 26 de febreiro de 2018.- O Grupo Provincial do PP pide que dende a Deputación de Lugo se actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles e xeolocalizadores de persoas para ofrecer unha maior cobertura e calidade nas prestacións.

 

Os populares explican que na actualidade o Servizo de Teleasistencia presta unha atención integral, pero limitada no marco domiciliario aínda que as súas posibilidades son maiores, de feito, segundo engaden dende o Grupo Popular, algunhas administracións están a facer uso de modalidades complementarias como dispositivos móbiles ou de localización GPS de persoas “que melloran a rendibilidade do servizo e favorecen a seguridade e tranquilidade dos seus usuarios”.

 

Estas modalidades complementarias á prestación integral que ofrece na actualidade o Servizo de Teleasistencia da Deputación de Lugo permitirían lanzar unha sinal de alarma estando o usuario fóra do domicilio ou contar cun dispositivo xeolocalizador que permitiría coñecer o emprazamento da persoa cando fose preciso por razóns de seguridade ou emerxencia. Estes sistemas de localización, que poderían colocarse ben no corpo, a través dunha pulseira, ou ben na roupa, “posibilitan darlle unha maior tranquilidade ás familias, ademais de que se garantiría que os maiores puidesen continuar residindo nos seus propios domicilios”, defenden dende o Grupo Popular.

 

“Estamos ante unha proposta importante, de necesidade para moitas familias, que non requiriría dunha inversión considerable pero que si daría resposta á demanda de moitos usuarios e converteríase, polo tanto, nunha garantía para protexer ou dar cobertura a situacións de desorientación dos nosos maiores que xa se teñen dado na nosa provincia e que lamentablemente non tiveron un resultado bo”, consideran os populares.

 

Deste xeito, a través dunha iniciativa plenaria que se debaterá no Pleno do próximo martes, os populares consideran necesario que a administración provincial dea un paso adiante nos servizos que presta ás persoas maiores e que actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles e xeolocalizadores de persoas para ofrecer unha maior cobertura e calidade nas prestacións. Dende o PP precisan que mesmo se poden facer extensibles estas medidas aos futuros usuarios das residencias da Deputación. Na súa iniciativa plenaria, os populares tamén instan á Deputación de Lugo para que, en colaboración coa Xunta de Galicia e as corporacións locais da provincia de Lugo, cree un grupo de traballo para coordinar a prestación deste servizo de xeito integral e particularmente, tendo en conta a implementación das medidas complementarias xa citadas.

 

Traballo do PP

Dende o Grupo do PP explican que o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria convértese nun apoio fundamental na provincia de Lugo “se temos en conta o seu perfil demográfico e a súa dispersión xeográfica, motivo polo que cando asumimos, en xuño de 2015, competencias de Goberno na Deputación, tomamos a determinación de afrontar o custo íntegro do mesmo, posto que ata a data os municipios estaban obrigados a cubrir a metade dos gastos da teleasistencia”.

 

Os populares lembran que o funcionamento do servizo ata esa data estaba instalado nunha dinámica viciada na que se desprezaban un terzo das prazas que se contemplaban no contrato coa empresa concesionaria do mesmo, polo que era un servizo abocado a desaparecer “no que era preciso intervir, posto que non se rexistraban novas altas dende o ano 2006”. Así, na liña de actualizar e estender o servizo novamente, dende o Grupo Popular instouse á Deputación á elaboración, no ano 2016, dunha nova ordenanza adecuada ás necesidades actuais que permitira novas altas e unha maior calidade na atención e prestación deste servizo. Deste xeito, “compróbase que, tras a entrada en vigor de dita Ordenanza en setembro de 2016, na actualidade este servizo revitalizouse e incrementou a súa prestación a novos usuarios nun 40%”, informan os populares.

 

Dado estes avances dende o Grupo Popular consideran que “estamos no momento de dar un paso máis e seguir mellorando a calidade de atención dentro das posibilidades que se albergan na esencia deste servizo”. Para os populares o investimento en benestar social e en asistencia aos lucenses debe ser unha das prioridades fundamentais dun Goberno polo que consideran que, ademais de “traballar para ampliar o servizo e chegar ao maior número de usuarios posibles tamén debemos adoptar novas decisións para que os nosos maiores poidan seguir no seu entorno con todas as garantías o maior tempo posible e nas mellores condicións nos seus propios fogares”, consideran dende o PP.