Partido Popular de Lugo

O PP de Burela critica que a baranda rota no Camiño Real se arranxase atando os anacos rotos con bridas

BURELA, 20 de febreiro de 2018.- O Grupo Municipal Popular do Concello de Burela califica de “chapuza e demostración de incompetencia política” a solución dada polo alcalde burelés e polo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras ao estado de deterioro e rutura da baranda de protección dun solar na rúa Camiño Real, na zona de acceso aos centros de ensino de Vista Alegre, e que fora denunciada a semana pasada polos populares.

 

Os edís desta formación política comprobaron onte, luns, que “a medida que adoptou o Concello pasa por atar os anacos rotos da baranda con bridas; se se despistan, átanos con un cordón de zapatos”, ironizan. E é que, segundo afirman, “semellante desastre, que non arranxa nada, evidencia a desidia e o pasotismo tantas veces denunciado desde o PP”.

 

De Burela bonita a Burela desastres

Por este motivo, dende este Grupo entenden que o correcto sería sacar a baranda deteriorada e rota, colocar unha provisional debidamente indicada e proceder de inmediato á colocación dunha nova, pero, ante o suceder dos feitos e vista a solución, “ou o alcalde e o edil de Obras son dous pasotas, ou non debe haber cartos para garantir a seguridade dos peóns nun lugar onde, como xa dixemos en días anteriores, xa faleceu unha persoa. Iso si, sen embargo o socialista está sempre moi disposto a agarrar a pancarta e a saír nas fotos, e para festas e parrandadas sempre hai cartos. Lamentable”, subraian.

 

Os populares aseguran que “así, con formas chapuceiras, se fan as cousas agora en Burela. Como vemos, a este paso o slogan Burela bonita’ estase convertendo en Burela desastres”.