Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara pide ao Concello que os máis de 400.000 euros recadados polo IBI en 2017; un 50% máis que en anos anteriores, se destinen a obras demandadas pola veciñanza

LÁNCARA, 7 de febreiro de 2018.- O Partido Popular de Láncara, que dirixe Santiago Cubillas, pide ao Concello que os máis de 400.000 euros recadados en concepto do Imposto de Bens Inmobles (IBI); un 50% máis que en anos anteriores, se destinen a obras demandadas pola veciñanza, como é o caso da ponte de Santa María de A Lama, en Armea de Abaixo.

 

Os populares consideran “necesario” coñecer que actuacións se van a levar a cabo ou cales ten previsto executar o Goberno local con estes cartos, pois “son recursos que pagamos dilixentemente todos os veciños do municipio, logo de que os socialistas se opuxesen a baixar este imposto”.

 

Por este motivo, e dada a negativa do alcalde a aplicar unha redución no cobro desta taxa, e manifestada en varios Plenos cos votos en contra do seu Grupo, dende o PP agardan que a entidade local faga “polo menos” unha distribución equitativa e destine estes fondos públicos á obras que beneficien a todos os cidadáns “e non só a quen el lle interesa”.

 

Concretamente, o Partido Popular, en novembro de 2015, presentou unha moción para que o Concello aplicase unha redución á tamén chamada “Contribución”. “Cremos que era algo importante, pero o alcalde e os concelleiros do PSOE votaron en contra. Non obstante, non nos resignamos e voltamos a pedilo en 2017. Neste caso, conseguimos que o alcalde dixera que o ía estudar, pero non soubemos nada máis”. Por iso, apunta Cubillas, “esperamos que, xa que non o baixa, nos diga en que vai empregar estes cartos”.

 

O que pedían os populares nas sesións indicadas era o mesmo que están a facer outros Concellos cos que limita Láncara, como é o caso de O Corgo e Triacastela, nos que os alpendres agrícolas e gandeiros teñen unha rebaixa do 95%. “É unha cuestión de vontade política, pero o noso nin quixo, nin quere seguir o modelo doutros alcaldes”, subliña.

 

Non aos mendos e parches”

Asemade, dende o PP solicitan ao rexedor socialista que “abandone a política dos parches”. Os populares fan esta petición porque o alcalde “comeza a ser coñecido por facer cachos de obras. Case nunca remata unha completamente”, afirman.

 

“O Sr. Darío pensa que con facer mendos, porque iso é o que fai, vai a ter máis votos, pero isto non é o que queren os veciños. O lóxico é que se se amaña unha pista, se acometa o seu arranxo na súa totalidade, e non só uns metros. Isto chámase facer ver que se fai, xa que, dende logo, a utilidade é nula”, conclúe.