Partido Popular de Lugo

O PP de Burela advirte que o Plan Normativo deste ano “é unha réplica” do de 2017

BURELA, 6 de febreiro de 2018.- O Grupo Municipal Popular do Concello de Burela asegura que o Plan Normativo Municipal sometido a Pleno “é unha réplica” do aprobado no mes de xullo, e censuran que o rexedor socialista decidise levar este asunto á sesión deste xoves cando “non cumpriu o do pasado exercicio”; cuestión que leva aos populares a dubidar que a entidade local sexa capaz de tramitar o de 2018.

 

Este documento establece o conxunto de normativa legal de competencia municipal que o Concello prevé elaborar ou modificar durante o presente ano, sendo de obrigada a súa redacción, a comunicación aos veciños e o seu cumprimento.

 

Os populares votaron en contra da aprobación do indicado documento, pois consideran que “este non é crible”, xa que volve a incorporar a normativa municipal que xa se contemplaba no Plan aprobado en xullo. É o caso do Regulamento do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais; da ordenanza única de regulación integrada do exercicio de actividades económicas e apertura de establecementos públicos; da ordenanza reguladora das Comunicacións Previas de Obras (estas tres xa terían que ter entrado en vigor en 2017); da ordenanza reguladora da inspección técnica de edificios; do Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Burela (ROM); do regulamento do mercado; ou da ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazos públicos do concello de Burela, ademais do regulamento municipal regulador do complemento de produtividade do persoal municipal.

 

A inclusión destas disposicións no novo Plan pon de relevo, indican os populares, “que todo o que se dixo en xullo pasado que se ía facer, non se fixo, e moito nos tememos que tampouco se fará no presente ano, sendo de destacar o regulamento do mercado, do que o alcalde xa falou a finais de 2015”. É por este motivo polo que consideran que o documento desta anualidade “é un despropósito que demostra a vagancia dun alcalde e dun Goberno municipal incapaz de levar a cabo o que eles mesmos aproban”.

 

Sede electrónica

A este respecto, dende este Grupo pídenlle ao socialista que, cando se expoña na sede electrónica do Concello algún documento que legalmente teña que ser sometido á información e suxerencias da cidadanía, se dea aviso de tal circunstancia a través de notas de prensa ou calquera outra vía para que os veciños estean informados, xa que “a inmensa maioría dos cidadáns teñen máis que facer que estar pendientes das ocurrencias do rexedor”, afirman.