Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular pide “o consenso e o diálogo social” dentro do Pacto de Toledo para garantir un sistema público de pensións “sustentable, equitativo e solidario” .

Lugo, 30 de xaneiro de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular pediu hoxe en Pleno que os grupos parlamentarios que integran a Comisión Permanente do Pacto de Toledo, dentro dun marco de “consenso e diálogo social”, cheguen a un acordo que garanta un sistema público de pensións “sustentable, equitativo e solidario”.

 

Os populares presentaron unha emenda de substitución coa petición mencionada á proposta presentada polo Grupo Provincial Socialista para establecer un sistema público de pensións con maior capacidade de redistribución e redución das desigualdades, xa que entenden que non se poden facer propostas sen coñecemento que “poden resultar enganosas para a cidadanía”.

 

O PSOE rexeitou en pleno o “diálogo e o consenso no seo do Pacto de Toledo”, feito que motivou o voto en contra dos populares á iniciativa socialista, mentres que o BNG “se abstivo xa que non está a favor do Pacto de Toledo, pese a que o PSOE aceptou como emenda de engadido á proposta nacionalista de substitución, o que implica a aceptación de incongruencias como volver a idade de xubilación aos 65 anos, mentres que pola súa banda o PSOE pide incrementar esta idade de xubilación”.

 

A deputada popular, Mari Teijeiro, defendeu que se está ante un tema de Estado “moi serio, sensible e complexo, que polo tanto require de estudos económicos e dunha análise en profundidade que, entendemos, debe ter lugar froito do debate e de acordos no seo da Comisión Permanente do Pacto de Toledo onde están todos os grupos representados”.