Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular pedirá que a Deputación asuma a contía correspondente aos concellos unha vez constituídos os xeodestinos

Lugo, 30 de xaneiro de 2018.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, anunciou hoxe no debate da proposta relativa ao Consello Provincial de Turismo que para o próximo Pleno “levaremos unha iniciativa para que unha vez que conclúan os trámites para a constitución dos xeodestinos, a Deputación asuma a contía que deberían costear os concellos”.

 

É dicir, os concellos deberán poñer unha cantidade para o funcionamento da mancomunidade ou consorcio que xestionará o xeodestino. Esta cantidade económica poderá sufragala directamente o Concello ou ser a Deputación quen a asuma, tal e como demandarán os populares na súa proposta.

 

Na súa intervención, Elena Candia, anunciou o voto a favor do seu Grupo á proposta en relación ao Consello Provincial de Turismo, que “chega tarde, pero debemos ver o vaso medio cheo, polo que o aplaudimos e lle damos a benvida”. Neste senso, a popular lembrou que hoxe se aprobou no Pleno o regulamento dun Consello Provincial de Turismo, cuxa creación xa se propuxo polo Grupo Popular fai ano e medio. En concreto, no Pleno de maio de 2016 xa se aprobara por unanimidade a proposta do PP sobre a creación do Consello Provincial de Turismo e a aprobación do seu regulamento.

 

A voceira dos populares na Deputación tamén convidou ao Goberno provincial a crear un pacto entre todas as forzas políticas para que a implicación no desenvolvemento turístico se realice dentro do “entendemento e do traballo conxunto”. É dicir, os populares apostan por un pacto no que se abandone o debate político e “traballamos todos nunha mesma dirección”.

 

Suspenso en turismo

Elena Candia considera que o traballo do Goberno socialista na área de turismo ata a actualidade “merece un suspenso”, xa que primeiro aseguraron que non tiñan competencias, pero “nos defendemos que a provincia ten que ter o seu plan, e ten que haber uns feitos e uns traballos, porque hai orzamento para esta finalidade, tanto é así que no ano 2017, había máis dun millón de euros para o desenvolvemento de novas accións e impulso no sector”. Ademais, a popular criticou que a implicación da Deputación cos concellos en materia turística se reducise a aprobación de convenios excepcionais só con algúns municipios mentres limitou o importe que no Plan Único se destina en materia turística a todos os concellos”. Polo tanto, “obrigámoslles a que melloren o seu traballo, ofrecémoslle un traballo conxunto e buscamos a implicación con todos os concellos”.

 

A voceira dos populares tamén se amosou moi crítica co “descaro” amosado polo responsable de turismo na Deputación de Lugo que se “atreveu a mentir en asuntos, cuxas actas reflexan o contrario, ata o punto de asegurar, faltando á verdade, que o PP votara en contra dun proceso de selección, cando o certo é que os populares se abstiveron”.

 

Por último, Elena Candia tamén puxo en valor o traballo que se está a facer a prol do turismo no ámbito provincial da man doutras administracións e institucións, ata o punto de que os datos son históricos a nivel demanda.