Partido Popular de Lugo

O PP advirte que a repercusión da presenza do Concello en Fitur para Burela “será igual a 0”, ao non presentaren ningunha proposta interesante sobre o municipio

BURELA, 27 de xaneiro de 2018.O Partido Popular de Burela advirte que a repercusión da presenza do Concello en Fitur para Burela “será igual a 0”, pois a entidade local, representada polo alcalde e o concelleiro de turismo, non presentou ningunha iniciativa relevante destinada á promoción do municipio. Concretamente, a súa asistencia, “que non participación”, limitouse, segundo indican os populares, “á recepción dunha visita esporádica de Cabo Verde, aproveitando que estes pasaban por alí”.

 

Neste senso, dende o grupo municipal lamentan non poder facer unha valoración positiva, sinalando, deste xeito, que a presenza dos representantes do Concello “foi inútil” e custosa para as arcas municipais. “Foron dúas persoas e resulta que nin houbo presentacións sobre o noso municipio, nin se amosou material divulgativo sobre o mesmo, nin se organizaron encontros con turoperadores…”. Por este motivo, e dada “a inoperancia da estancia”, consideran que os custos da viaxe deberían “ser pagados do seu peto”.

 

Esta cuestión é a que leva ao PP a afirmar que o rexedor e o edil “foron a Madrid de paseo”. “Parécenos ben que visen Fitur, pois é unha feira internacional moi interesante, pero, precisamente por isto mesmo, temos que lamentar que non aproveitasen a ocasión para poñer a Burela no mapa turístico, sobre todo, porque temos recursos dabondo para facelo, e que ben deberían merecer o recoñecemento dos dirixentes locais”, destacan.

 

Planificación con Turgalicia

Con fin de evitar unha situación semellante, “e sempre dende unha perspectiva construtiva”, instan á entidade local a planificar conxuntamente con Turgalicia a participación do vindeiro ano para realizar unha exposición ben organizada que verdadeiramente dea a coñecer os importantes recursos paisaxísticos, patrimoniais e turísticos dos que dispón a localidade mariñana.