LÁNCARA, 23 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do PP de Láncara pedirá este xoves, no Pleno que celebrará a Corporación, o establecemento dun plan axeitado de mantemento e conservación das instalacións deportivas do concello. Os populares diríxense así ao Goberno local logo de constatar o estado do pavillón de A Pobra ou da pista de deporte de Láncara; dúas infraestruturas que precisan de actuacións de reparación inmediatas.
Concretamente, dende o Partido Popular agardan que o alcalde socialista acepte esta recomendación, pois na instalación situada na capitalidade do municipio, que fora no seu día a sede de importantes campionatos de división de honra de fútbol sala, e sufragada pola Deputación, é necesario acometer o mantemento das gradas, un barnizado-pintado da pista, a rehabilitación dos baños e unha mellora nos sistemas de aillamento e calefacción. Polo que respecta á de Láncara, é importante entre outras actuacións, abordar o peche perimetral e o pintado da mesma.
“Nas últimas datas asistimos á instalación dunha pista polideporte na urbanización Praias de Valdriz, do cal nos alegramos. Nembargantes, a construción de infraestruturas novas non pode deixar no esquecemento o mantemento das existentes”, precisa o voceiro popular, Santiago Cubillas.
Obras inacabadas ou mal rematadas
Noutra orde de asuntos, o PP esixirá ao rexedor e ao concelleiro de Obras un maior seguemento e control das mesmas, así como que se se fan melloras nunha aldea, que non marchen as máquinas ata estar todo rematado, co fin de evitar unha posible discriminación entre veciños. Os populares fan esta petición logo de constatar que, estando as máquinas da Deputación máis dun mes en Cedrón, se arranxaron pistas con alquitrán e zahorra en Sobrerriba e Saá, pero deixaron dúas casas sen acceso arranxado (casas de Britos e Rebordelo).
Por outra banda, en Piqueira, que remata en dúas vivendas, a unha delas non se lle amañou o acceso. Igualmente ocorreu na Seara, onde o alquitrán non chega ao último fogar; no Ruxidoiro, levan agardadando por unhas tubaxes prometidas polo alcalde dende máis de ano e medio; e, na pista recén acondicionada no monte de Tadoufe-Trasliste, existen treitos onde xa só pasan tractores e non coches.