Partido Popular de Lugo

Elena Candia: “Xornadas coma esta, son un exemplo de que traballamos por ser un Partido aberto á cidadanía”

LUGO, 19 de xaneiro de 2018.- “Xornadas coma esta son un exemplo de que traballamos por ser un Partido aberto á cidadanía”. Así comezou a súa intervención a presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, durante a clausura da conferencia que impartiu esta tarde o xuíz Vázquez Taín, na sede do PP lucense, sobre o uso da Internet e das redes sociais na adolescencia, e na que tamén participou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

 

Neste senso, o encontro, organizado dende a comisión de Educación, dá continuidade ao compromiso da dirixente dos populares de impulsar iniciativas, “que realmente sexan útiles aos lucenses e, sen lugar a dúbidas, o tema desta ponencia o é pois, nos tempos actuais, todos somos coñecedores da importancia que teñen o uso e o mal uso das novas tecnoloxías nos rapaces”.

 

A este respecto, puxo en valor o traballo de todas as persoas que participaron na organización, dado que, “grazas a eles, estamos dando pasos para que a sociedade nos vexa como o que realmente somos, que é un Partido concienciado, activo, participativo e sensibilizado cos intereses e problemas da cidadanía”.

 

“Creo que só así podemos gañar todos: os axentes implicados –neste caso os profesionais da docencia e os pais ou titores dos nenos- e tamén os cidadáns; e dígoo como unha espectadora máis, non como membro dun Partido Político”, sinalou.

 

Elena Candia tamén agradeceu a presenza do ponente, e agasallouno cunha peza de cerámica de Sargadelos da Muralla de Lugo. “Ter connosco a un experto na materia e no mundo da xudicatura como José Antonio Vázquez Taín sempre é un cuestión que nos debe fortalecer a todos, porque iso implica que aprendemos algo novo. Por iso, como mostra de agradecemento entregásmoslle esta réplica do noso monumento romano por excelencia, que non só identifica aos lucenses, senón tamén aos veciños desta provincia. E, ademais, como mariñana non poido estar máis orgullosa pois está feita por unha das empresas de cerámica máis prestixiosas que temos a nivel mundial”.

 

Un problema actual

Vázquez Taín analizou os problemas que os mozos se poden encontrar no manexo das redes sociais, así como a protección xurídica aplicable ao respecto. Concretamente, explicou os principais riscos que corren os menores por un mal uso da novas tecnoloxías, e que poden ir dende o ciberacoso a distintas estafas pola Internet.

 

Neste senso, sinalou a importancia de que os pais, titores e docentes leven a cabo distintas prácticas de seguridade para evitar posibles “agresións”, e todo elo, dixo, “sen converternos en represores, pois temos casos detectados nos que, para moitos adolescentes, pechar unha rede social, é un trauma na súa vida real”. Deste xeito, destacou a necesidade da información e formación ao respecto, para evitar converterse en “mercancía”, xa que, en diversas ocasións cando o intercambio de fotos sae do círculo íntimo é para obter un rendemento económico. A substracción de contas tamén é outro dos casos tipificados como estafa nas redes sociais, sinalou.

 

Polo que respecta ás penas que van asociadas e este tipo de delitos, o maxistrado apuntou que, no caso dos menores, estas soen ser orientativas e de reeducación social. No caso dos adultos, e se estas son por chantaxe sexual ou comercialización co material que se intercambia, poden conlevar ingresos en prisión de 4 a 6 anos.

 

Gran afluencia para escoitar ao ““Garzón galego” ou o Robin Hood de Vilargarcía

A xornada contou cunha gran afluencia de público. Ademais de docentes, pais, nais ou titores legais que poden ter os rapaces, contou coa asistencia de numerosas persoas que quixeron escoitar ao reputado xuíz, coñecido polo seu labor na xudicatura, onde levou casos que trascenderon á oponión pública como a súa loita contra o narcotráfico en Galicia, a recuperación do famoso “Códice Calixtino” ou o asasinato de Asunta Basterra; de aí que fose alcumado como o “Garzón galego” ou o Robin Hood de Vilargarcía.

 

Ademais do conselleiro de Educación e da presidenta provincial, diversos cargos orgánicos do Partido tampouco quixeron faltar a esta cita, que se inclúe dentro do programa de actividades que se organizan dende as diferentes comisións sectoriais do partido; neste caso, dende a de Educación.