Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara amósase sorprendido polas esixencias do alcalde sobre o proxecto da ponte de Valdriz, cando el aínda non contactou con todos os propietarios dos terreos, tal e como se comprometera hai 9 meses

LÁNCARA, 18 de xaneiro de 2018.- O PP de Láncara amósase sorprendido polo “atrevemento” manifestado polo alcalde sobre o proxecto das obras de ampliación da ponte de Valdriz. O voceiro popular neste municipio, Santiago Cubillas, sae así ao paso das últimas declaracións do socialista respecto deste asunto pois, en primeiro lugar, malia seren necesarias algunhas modificacións por criterios técnicos, o documento está practicamente ultimado e, por outra banda, o socialista non contactou aínda con todos os propietarios dos terreos afectados, tal e como se comprometera diante do delegado da Xunta de Galicia en Lugo e da conselleira de Infraestruturas, nunha reunión que tivo lugar na delegación territoria, no pasado mes de abril.

 

Por este motivo, Cubillas reproba “a ousadía” de Piñeiro, xa que, ademais, “este sabe que en ningún momento se falou de datas concretas e é coñecedor de que o proxecto que se vai executar contempla unha ampliación orzamentaria importante”. Concretamente, o investimento aumenta un 82%, ao pasar dos 300.000 euros iniciais aos 540.000 que o Goberno galego destinará a esta actuación, e que xa están comprometidos nos presupostos.

 

O Sr. Darío, algo soprepasado”

Ante a realidade dos feitos, o popular considera que a reacción do socialista se debe a que “o Sr. Piñeiro está algo sobrepasado polos compromisos da Xunta”. Neste senso, recoméndalle que “abandone a política de criticar todo o que vén do Goberno de Galicia, porque isto non lle supón ningún beneficio a Láncara, nin tampouco ao seu Partido”. “Non entendemos esta crítica gratuíta do PSOE de Láncara. Cremos que deberían de pensar antes o que din e o que fan”. E é que, reitera, “o Sr.Darío aínda non lle trasladou á consellería ningunha comunicación respecto dos contactos que dixo que ía levar a cabo cos titulares dos terreos afectados pola ampliación”.