Partido Popular de Lugo

Candia asegura que o traballo do PP está a impoñer unha rotura da tónica partidista do Goberno do PSOE e que a Deputación atenda “a todos os concellos”

Sarria, 16 de xaneiro de 2018.- A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión con alcaldes, voceiros, edís e membros das executivas locais dos concellos de Sarria, O Páramo, Paradela, Láncara, O Incio e Samos, na que se deu conta das xestións do Grupo do PP na Deputación, que segundo a dirixente popular, está a impoñer un cambio nos orzamentos da Deputación e que a administración provincial rompa coa súa “tónica partidista” e atenda “a todos os concellos da provincia”.

Neste senso, a popular considera que “queda moito por avanzar” pero “debemos valorar que acadamos a posta en marcha de importantes reivindicacións do noso grupo na Deputación como son a aprobación dun Plan Único de colaboración con todos os concellos ou a posta en marcha dun plan de estradas”

Dun xeito máis preciso, a presidenta provincial puxo en valor a aprobación do Plan de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais, acordado en pleno por iniciativa do Grupo Popular. “É un paso cara adiante que permite que se realice un investimento superior ao 1,1 millón de euros nas vías provinciais da comarca, atendendo a criterios obxectivos”. Deste xeito, engadiu a popular, “estamos a asentar unha pedra importante para erradicar o ensañamento político que se estaba a dar dende a Deputación contra as estradas que transcorrían polos concellos non afíns ao PSOE”.

 

Comprometidos cos veciños

Elena Candia tamén precisou que nos orzamentos de 2018 da Deputación se mantén o compromiso de aprobar un novo Plan Único de Colaboración dos Concellos, ao igual que se fixo no ano 2017, activado pola negociación do PP. No ano 2017, aprobáronse 20 millóns de euros repartidos entre os 67 concellos lucenses, dotándoos de contías históricas en áreas como emprego, axuda no fogar, cultura e deporte ou turismo, entre outras. A súa aprobación posibilitou que concellos de Sarria incrementasen o que recibían, ata sumar entre os seis máis de 1,8 millóns de euros.

 

Polo tanto o PP na Deputación, amósase comprometido cos todos os veciños da provincia e, con este obxectivo, o PP, por exemplo, tamén logrou dar cumprimento a demandas fundamentais como é o a do SAF, así no orzamento de 2018 mantense a dotación do Servizo de Axuda no Fogar en 1.500.000 euros.

 

Apoio do Goberno galego

Durante a reunión, dende o PP afirmaron que as cifras evidencian o claro compromiso do Goberno de Feijóo coa comarca de Sarria con importantes investimentos recollidos nos orzamentos do 2018, como son os 250.000 para a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria ou a partida de 320.000 euros para obras de mellora no hospital comarcal.

Os populares destacaron a inclusión doutras partidas nas contas para este 2018 para actuacións da Xunta na comarca como son os 95.000 euros do convenio para a dotación do novo centro de maiores en Paradela, en cuxa construción xa se investiron 1,6 millóns de euros ou os 350.000 euros para captacións e redes de distribución de auga potable nas parroquias de Cortes e San Juan de Loio no mesmo Concello. Cifras ás que se suman considerables achegas tanto para o ámbito cultural, como para actuacións nos albergues e Camiño de Santiago e mesmo para un plan para o fomento da educación dixital ou en axudas natura 2000 e espazos naturais.