Partido Popular de Lugo

A sede provincial do PP acollerá o vindeiro venres unha conferencia de Vázquez Taín sobre o uso de Internet e das redes sociais na adolescencia

Lugo, 13 de xaneiro de 2018.- A sede provincial do PP de Lugo, (situada na rúa Poeta Cabanillas, 14, baixo), acollerá o vindeiro venres día 19, a partir das 19:30 horas, unha conferencia do xuíz Xosé Antonio Vázquez Taín sobre a protección xurídica en relación ao uso de Internet e das redes sociais na adolescencia.

 

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, presentou esta mañá na mesma sede do partido esta actividade promovida dende a Comisión Provincial de Educación do PP na provincia de Lugo. A popular estivo acompañada dos responsables de Educación do PP provincial, Javier Vázquez Prado e Remedios González Cabarcos.

 

Dende o PP explican que esta xornada, que se desenvolve dentro do programa de actividades que se organizan dende as diferentes comisións sectoriais do partido, ten por obxectivo dar información sobre un tema de actualidade que preocupa no ámbito da educación. “Existe un ámbito xurídico en relación ao uso de Internet e das redes sociais por menores, que en moitos casos é descoñecido, feito que motiva o interese desta conferencia”, precisan.

 

Os populares engaden que esta xornada ten unha finalidade “formativa” e, de igual xeito, “informativa” e diríxese tanto aos docentes ou persoas con responsabilidade educativa directa aí como tamén aos pais, nais ou titores legais que poden ter os menores. Polo tanto, a conferencia é aberta a calquera persoa interesada nun tema de actualidade que preocupa no ámbito educativo.

 

Dende o Partido Popular tamén agradecen a oportunidade de poder escoitar a Vázquez Taín, de recoñecido nome a nivel nacional, e que a súa disertación permita analizar os problemas que os mozos se poden encontrar no manexo das redes sociais así como a protección xurídica aplicable ao respecto.