O Partido Popular de Cervantes subliña que o documento de Orzamentos que prevé executar o Concello en 2018 resposta, un ano máis, “á política de copia e pega”. O voceiro popular deste municipio, Javier Santín, amósase profundamente crítico coas contas deste exercicio, pois evidencian “unha falta de motivación do Goberno socialista e son unha proba máis do acomodamento e deixadez dun Executivo amortizado e desgastado pola inacción”. Proba delo, indica, é que “nas festas do Nadal nin tan sequera puxeron un adorno na capitalidade do municipio, San Román”.
“Sen axudas reais” para as necesidades de Cervantes
E é que no proxecto aprobado pola entidade local non existe ningunha partida destinada á promoción do municipio, “nin de axuda real” á evitar o forte declive demográfico que acusa este concello. “Non son nin foron capaces de por en marcha actividades culturais, turísticas, ou incluso gastronómicas que contribúan ao benestar dos veciños e visitantes de Cervantes”, afirma.
Neste senso, lamenta a pouca altura de miras dos socialistas, demostrada na non inclusión das propostas realizadas polo PP en diversas ocasións, como axudas á natalidade, impulsar a creación dunha Casa Niño (promovidas pola Xunta), ou demorando a modificación da ordenanza do IBI para a implantación de bonificacións. A modo de exemplo, Javier Santín lembra que o Executivo local rexeitou o convenio de colaboración que ofrece a consellería de Medio Rural para a adquisición dun novo tractor e dúas desbrozadoras, e que está dotado con 90.000 euros. “Non entendemos este desleixo do alcalde, sobre todo, porque se trata dunha medida que contribúe á prevención de incendios e limpeza de pistas e camiños de titularidade municipal”, destaca.
Ordenanza do IBI
Nesta liña, os populares lembran que xa propuxeron a rebaixa dos tipos impositivos e a aplicación de bonificacións en Setembro de 2016, polo que de habela tido en conta nesa anualidade xa estaría en vigor neste ano. Deste xeito, “escudándose en que a culpa é sempre doutras administracións” e “amosando, unha vez mais, deixadez de goberno”, ditas rebaixas e bonificacións en Cervantes non entrarán en funcionamento ata 2019.
Nada pola economía local
O popular considera, asemade, que “estamos diante dunhas contas pouco beneficiosas e ambiciosas para os cidadáns”. Tal é así, sinala, que tampouco impulsan o desenvolvemento económico do municipio. Javier Santín fai esta valoración porque o Goberno local “nunca tivo nin ten un proxecto de apoio aos negocios e axentes económicos.”
Axilidade e repartos proporcionais
Os populares, malia solicitar en Pleno que os socialistas “deixasen de facer distincións entre os distintos pobos, favorecendo así a creación de aldeas de primeira e aldeas de segunda”, critican que os Orzamentos deste ano non recollan un reparto das inversións e servizos en base a criterios de obxetividade e necesidade real. Por este motivo, consideran que o documento aprobado non atisba “ningunha mellora” con respecto ao de anualidades anteriores.
Maior control das obras
Finalmente, o voceiro do PP anuncia que o grupo que lidera esixirá unha maior supervisión e control das obras que se executen en Cervantes, tanto das realizadas polo propio Concello, como por outras administracións. Javier Santín sinala que é preciso que exista máis seguimento neste eido, unha vez constatado que o saneamento e o alumeado acometidos pola Deputación en Piornedo seguen sen funcionar correctamente despois de tres anos; cuestión que o popular califica de “vergoñenta e inadmisible”.