O Grupo Provincial do Partido Popular bota en falta que o Goberno da Deputación adopte unha solución que permita a apertura da piscina de A Pastoriza. Deste xeito, os populares maniféstanse críticos coa xestión da Deputación, pois “estamos ante unha infraestrutura que foi adxudicada no ano 2009, sendo o prazo de execución de nove meses e que para a súa construción o organismo provincial achegou máis de 1,5 millóns de euros”, destacan.
Por este motivo, consideran unha falta de responsabilidade que o presidente da Deputación de Lugo acuda a inaugurar un local social nunha parroquia do concello e que nada se saiba sobre cando abrira a piscina, xa que “é inadmisible que a instalación, malia estar construída e adxudicada fai sete anos, continúe sen abrir as súas portas”, remarcan.
Neste senso, insisten na necesidade dunha solución inmediata respecto deste asunto, xa que “son obras que comezaron fai varios anos e que foron rematadas sen que fosen postas a disposición dos usuarios. É, polo tanto, unha situación que non se pode permitir”, destacan.
Por outra banda, hai que recordar que a piscina de A Pastoriza leva de gasto máis de 16.000 euros de mantemento estando pechada, dado que o organismo provincial tivo que aboar unha factura por valor de 6.000 euros en concepto de subministro de gasóleo; cantidade á que hai que sumar máis de 11.000 correspondentes ao consumo de luz no ano 2016
O Goberno non cumpre os acordos acadados polo PP no Pleno
Os incumprimentos neste senso están a ser unha constante “no día a día da Deputación”, puntualizan os populares. Proba delo é que o Executivo provincial continúa sen cumprir o acordos plenarios, producidos en xaneiro e en maio do pasado ano, e nos que, precisamente, demandaban a axilización nos trámites para a apertura destas instalacións.
Concretamente, na sesión máis recente (a de maio de 2017), o Partido Popular conseguiu sacar adiante por unanimidade a súa proposta, na que solicitaban á institución luguesa que adoptase de maneira urxente as medidas necesarias para solucionar os problemas que motivan a non apertura desta infraestrutura.
Os populares critican así a xestión do equipo de goberno, pois foi o propio deputado Pablo Rivera Capón, o que anunciou, e así se recolle na nota de prensa publicada na web da Deputación e correspondente ao Pleno de xaneiro de 2017, que […] a Deputación ía deixar listas as piscinas este ano. A instalación deportiva atópase en boas condicións, xunto coas correspondentes autorizacións de Industria e de Sanidade. Xa dende hai meses mantense un diálogo activo co Concello para definir o modelo de xestión máis axeitado […]”.
“O certo é que, na actualidade, e xa rematado o ano 2017, a piscina continúa pechada ao público e, por tanto, o Goberno segue sen cumprir este acordo que contou co visto e prace de toda a Corporación”, conclúen dende o Grupo do PP.