Partido Popular de Lugo

O PP valora que o Adif confirmase o seu compromiso “claro e decidido” para que a chegada da alta velocidade a Lugo sexa unha realidade

A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia; o voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro; o presidente do PP na cidade de Lugo,  Ramón Carballo; e o deputado nacional, Jaime de Olano, valoran positivamente o encontro mantido esta mañá co presidente do Adif, Juan Bravo, e coa directora general de explotación e construción do Adif, Isabel Pardo de Vera Posada. Dende a entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento confirmaron o seu compromiso “claro e decidido” para que a chegada da alta velocidade a Lugo sexa unha realidade.

Os dirixentes populares, que están a promover as iniciativas e xuntanzas oportunas para que o que definen como “un compromiso irrenunciable” sexa unha realidade, precisaron trala xuntanza celebrada esta mañá na sede do Adif en Madrid, que no marco deste encontro Juan Bravo defendeu este investimento, que suporá máis de 700 millóns de euros. A realidade desta obra permitirá que se poda percorrer a distancia que existe entre Lugo e Madrid en torno ás tres horas.

De igual xeito, dende a directiva do Adif explicaron aos populares o estado dos diferentes procesos de licitación dos proxectos postos en marcha na rede ferroviaria, tanto a electrificación pendente entre Monforte e Lugo, como as variantes necesarias, é dicir, a posta en servizo da de Pobra de San Xillao ou os proxectos de Os Peares e Rubián así como outras obras de mellora en infraestruturas. Neste eido, compre lembrar que o Adif vén de licitar a redacción de proxectos de supresión de 36 pasos a nivel na liña Ourense-Monforte-Lugo.

Outros asuntos

No marco deste encontro, tamén se analizou a posibilidade de que o Adif ceda temporalmente a parcela da súa titularidade próxima á estación para que se lle dea un uso de estacionamento público. Neste senso, os populares explicaron que dende a entidade estatal valoraron moi positivamente esta proposta.

Os dirixentes populares mantiveron a semana pasada un encontro coa Plataforma Lugo non perdas o tren, que xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo solicitaban unha reunión cos representantes do Adif. Dende o PP tamén se acordou dita xuntanza co Adif.