O Partido Popular traslada á plataforma Lugo non perdas o tren o seu “compromiso irrenunciable” para que a provincia non quede sen AVE. Así llelo expuxeron aos integrantes da mesma o voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, e a presidenta provincial, Elena Candia, na xuntanza que mantiveron este mércores, e durante a que estiveron acompañados do presidente desta formación política a nivel local, Ramón Carballo; o voceiro da mesma no Concello, Antonio Ameijide; ademais de deputados nacionais e senadaores.
Deste xeito, tal e como anunciara Barreiro en días pasados, os populares dán cumprimento á palabra dada de manter un encontro cos membros deste colectivo para escoitar e analizar as súas propostas. Precisamente, no marco desta responsabilidade asumida polo PP, comprometéronse coa plataforma a menter unha xuntanza cos representantes de ADIF no mes de xaneiro para abordar esta cuestión. Este encontro terá lugar o vindeiro día 3 en Madrid, e nel participarán a presidenta provincial e o voceiro do PP no Senado.
Demanda incuestionable
Con esta xuntanza e os novos compromisos acadados polos populares, os representantes desta formación política nas distintas institucións, ratifican publicamente que a chegada da Alta Velocidade a Lugo é unha demanda incuestionable. Previamente, xa o fixeron na Deputación de Lugo, onde a través da moción presentada pretendían acadar un acordo de todos os grupos políticos na defensa do AVE. Finalmente, o PSOE e o Bloque Nacionalista Galego tumbaron dita proposta.
Tanto a moción presentada polo PP, como a reunión de hoxe, forman parte dunha programación estratéxica, que xa fora anunciada antes do Pleno indicado polos voceiros do Grupo Provincial e do Grupo Municipal, e impulsada coa finalidade de recabar apoios para que Lugo non quede fóra do mapa ferroviario.
Neste senso, a intención dos populares é que o Goberno continúe e avance nos distintos proxectos que xa ten en marcha, e que contribuirán a que a provincia non quede sen este servizo tan demandado polos lucenses. É o caso da inmediata posta en servizo da variante de A Pobra de San Xillao, dos proxectos das novas variantes para Os Peares e Rubián, da electrificación pendente entre Monforte e Lugo, da eliminación de pasos a nivel ou do incremento de frecuencias con novos trens, entre outras actuacións.
E é que a variante de Láncara xa está o 98% en execución; está en redacción o proxecto da electrificación a 3KV entre Monforte e Lugo; dende xullo de 2017 a renovación e mellora dos treitos non afectados por variantes, no traxecto Ourense-Monforte-Lugo, conta con proxecto de inversión; e está en licitación a redacción dos proxetos para a supresión dos 36 pasos a nivel entre Ourense-Monforte e Lugo.