O PP de Láncara insta ao alcalde, o socialista Darío Piñeiro, a que realice as actuacións de limpeza que se requiren nas inmediacións da estrada de Muro, xa que esta localización non é “un desguace de coches tal e como parece semellar na actualidade”. En concreto, os populares critican que dende fai máis dun ano permanezan pezas de coches nas cunetas e na ladeira desta estrada, aproximadamente á altura do punto quilométrico 7,5. O PP traslada esta petición ao alcalde tras facerse eco das queixas dos veciños que demandan unha actuación por parte do Concello de Láncara que permita corrixir esta situación.
Dende o Partido Popular de Láncara denuncian esta situación que poden apreciar os condutores que “día tras día circulan por esta vía de titularidade provincial”. Unha circunstancia, que segundo precisan dende o PP, “non pasa desapercibida aos ollos de ninguén xa que os restos de vehículos que permanecen no lugar son de considerables dimensións”.
Os populares deste municipio aseguran que “estamos a falar dunha estrada moi transitada, incluso no mes de outubro desenvolveuse por estes treitos o rallie de San Froilán”, polo que “é moi necesario que dende o Goberno local realicen as actuacións oportunas para corrixir unha situación, que mesmo entraña risco para os condutores xa que parte das pezas que se atopan abandonadas nesta localización invaden as cunetas da vía”.
Para o Partido Popular que “esta situación se estea a manter dende fai uns doce meses deixa entrever a desidia e a falta de preocupación do Goberno local, que se mostra pasivo ante unha actuación de retirada de pezas nas inmediacións da estrada. É dicir, é unha actuación que require dunha solución moi fácil pero sobre a que o alcalde socialista non amosa a mínima disposición de traballar e resolver”.
Por último, os populares engaden que se está ante unha novo exemplo do “abandono” ao que ten sometido o Goberno socialista á localidade de Láncara. “Dende o PP denunciamos esta situación e urximos unha solución inmediata”, reiteran.