Partido Popular de Lugo

González Barcia deixa a presidencia do PP de Burela porque “é hora de ir pechando un ciclo que comezou en 1991

O ata o de agora presidente da agrupación do Partido Popular de Burela, José María González Barcia, anunciou este luns, arroupado pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o coordinador do Partido en A Mariña, José Manuel Balseiro, que presenta a súa dimisión a dito cargo.

González Barcia fixo este anuncio logo de reunir ao comité local da agrupación e de manter unha xuntanza con interventores e apoderados do Partido, para comunicarlles a súa decisión e manifestarlles o seu agradecemento polo traballo realizado. Con todo, o popular continuará, polo momento, como voceiro municipal ata que esta formación política tome as decisións oportunas.

Trátate dunha decisión madura e que data xa de 2015. Concretamente, explicou, “inmediatamente despois das últimas eleccións municipais manifestei a miña intención de deixar a presidencia do Partido e de non volver a ser candidato ao Concello. Xa naquel momento llo trasladei tanto á dirección provincial como aos propios afiliados e simpatizantes da agrupación local”, sinalou.

En todo caso, e no tocante a deixar a presidencia local, tamén indicou que naquel momento lles trasladou que estaba a disposición da dirección provincial para que marcase os tempos en función das diversas circunstancias que puideran producirse. “E así foi. Houbo varios procesos electorais a nivel estatal, as autonómicas, e o congreso provincial, pero o que nunca se me pasou pola cabeza foi irme, así, polas boas; levo 27 anos neste Partido, que é o meu Partido, coñezo ben a cultura interna do mesmo e, polo tanto, nunca se plantexou unha actuación distinta á que agora levo a cabo”, remarcou.

Presidente dende hai 13 anos

José María González Barcia asumiu a presidencia do PP burelés nun congreso local celebrado en 2004, relevando na mesma a Manuel Mon Rouco. A decisión de non presentarme ás eleccións municipais de 2019 tamén foi comunicada conxuntamente coa anterior presidencia. “Non obstante, iso non é obstáculo para continuar como voceiro ata que o Partido o decida”, apuntou.

A este respecto, non quixo desaproveitar a súa comparecencia para manifestar publicamente o seu “agradecemento a todos os militantes, simpatizantes e votantes do PP burelés, nomeadamente aos meus compañeiros dos distintos comités locais desde 1991; ano no que se abriu un ciclo que agora creo que hai que ir pechando. E, por suposto, o meu agradecemento ao Partido Popular, por confiar en min como o fixo para distintos postos orgánicos e institucionais”, concluíu visiblemente emocionado.

Próximos pasos e recuperación da alcaldía

Elena Candia puxo en valor o traballo levado a cabo por González Barcia durante todos estes anos tanto no eido político como institucional, agradecéndolle así “públicamente” a súa dedicación ao PP. “O seu compromiso fano merecedor de calquer distintivo que se lle queira facer dende o Partido Popular. O seu labor reúne todo o que se debe de facer en política”.

Neste senso, a presidenta provincial indicou que, unha vez coñecida a decisión do ata o de agora presidente local, “proximamente se reunirán os órganos do Partido para determinar os seguintes pasos, pois este Concello é moi importante para nós e temos que ser capaces de recuperar a alcaldía”, sentenciou.