Os populares lembran que o PSdeG nunca tomou decisións que beneficiasen á sanidade pública lucense, unha situación de falta de compromiso que contrasta co feito polo goberno do Partido Popular que desde a Xunta liderou e lidera importantes melloras neste ámbito
Así por exemplo, recordan que foi o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo quen puxo en marcha e equipou un dos hospitais máis modernos do país, o Lucus Augusti (Hula) dotándolle ademais de novos servizos que non existían en Lugo, como o de radioterapia ou medicina nuclear.
Compromisos que se estenden, ademais, ao resto da provincia, onde está en marcha a obra de ampliación do Hospital da Costa e tanto neste centro hospitalario como no de Monforte, a Xunta dotoulles das salas de tratamentos de quimioterapia, servizo de oncoloxía ou de hospitalización a domicilio.
É mezquiño facer política da enfermidade
Para o PP os socialistas a parte de agarrarse ás pancartas e criticar as accións que realizan os demais nunca tiveron unha folla de ruta clara a favor da sanidade pública lucense. Por moito que os máximos representantes do Concello e do PSOE pensen o contrario, en política non todo vale. E, de feito, desde o PP censuran o ruín, mezquino, e reprochable que é facer política da enfermidade e usar aos doentes con fins partidistas.
Hemodinámica: unha decisión técnica
Os populares insisten en que a decisión de ampliar a cobertura horaria do servizo de hemodinámica debe basearse en criterios técnicos, que son os que sempre deberan primar no ámbito sanitario. En consecuencia, desde o PP serán os primeiros en esixir hemodinámica 24 horas se nalgún momento hai unha indicación por parte do grupo de expertos do SERGAS que establezan que se melloraría a atención sanitaria dos lucenses
En Galicia, lembran, dispoñemos dun programa de seguimento dos infartos que é unha referencia a nivel nacional, que monotoriza e avalía periodicamente o funcionamento dos servizos, polo que os cambios e decisións que se deban adoptar deben ir sempre avaladas por unha recomendación técnica, e non política, pois é o único modo de garantir a eficacia desta medida e que sirve para mellorar a atención sanitaria dos infartados.