LUGO, 5 de decembro de 2017.- O PP de A Fonsagrada lamenta que o Concello perdese unha axuda da Xunta de Galicia para o fomento do emprego no rural, a consecuencia da mala xestión do alcalde; o que demostra, indican, “o escaso ou nulo interese do rexedor socialista por dar novas oportunidades laborais aos seus veciños”.
Concretamente, o 9 de outubro a entidade local dirixiuse á administración autonómica para solicitar a contratación dun oficial durante 9 meses. O día 16 dese mesmo mes, a consellería de Economía, Emprego e Industria detecta que o Concello non presentou toda a documentación que esixen as bases desta convocatoria e requírelle á entidade local a presentación da mesma para poder completar o expediente e así proceder á súa aprobación e posterior concesión. Diante este proceso, e para sorpresa dos populares, o Concello non contesta ao requerimento, o que obriga á Xunta de Galicia a desestimar dita subvención; dito desestimento foille notificado o 14 de novembro á entidade local.
Deste xeito, os populares de A Fonsagrada consideran que o alcalde renunciou “a unha oportunidade extraordinaria para poder crear postos de traballo nun municipio que, ademais, ao estar na Montaña, xa dispón despois de menos recursos” . Por outra banda, José Luis Regueiro recoñece que “a situación non lles sorprende”, pois “non hai máis que ver o que fixo cos traballadores que despediu dos GES. Reducir paro ao noso alcalde non lle importa, dar traballo aos veciños non lle importe; só lle importa o que el quere. E el e nada máis que el”, remarca.
Programa da Xunta
Esta axuda que A Fonsagrada vén de perder inclúese no programa Aprol Rural que puxo en marcha a administración autonómica se desenvolve por segundo ano consecutivo, e que ten como principal obxectivo incrementar e mellorar as oportunidades laborais, así como dar impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.
A esta iniciativa, o Goberno galego destina un total de 1,2 millóns de euros para a contratación de 103 persoas sen emprego en 53 concellos do rural con menos de 10.000 habitantes. Ademais, a consellería dá todas as súas facilidades e financia o 100% dos custos salariais, incluída a cotización da Seguridade Social. Deste xeito, as contías por cada traballador contratado poderán alcanzar os 20.250 euros, segundo o grupo do que se trate.