Partido Popular de Lugo

Elena Candia: “Gañou o candidato que sacou os peores resultados da historia que tivo o PSOE en Friol”

LUGO, 4 de decembro de 2017.- A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, lamenta que, logo dos resultados das primarias celebradas no día de onte polo Partido Socialista, “gañase o candidato que sacou os peores resultados da historia que tivo o PSOE en Friol”. Neste senso, considera que o novo secretario provincial “malamente pode dirixir o Partido na provincia se, a pesares de ter todo ao seu favor, sendo deputado e voceiro do seu Partido na Deputación, tan só foi capaz de sumar nas últimas eleccións municipais como aspirante á alcaldía o 29,75% dos votos (896), fronte ao 64,21% que obtivo o Partido Popular (1.934 votos en total)”

 

Por este motivo, e dado que o PSOE nese Concello tan só ten tres concelleiros fronte aos 8 do PP, Elena Candia dubida que Álvaro Santos “sexa quen de sacar do pozo no que leva metido nos últimos anos o Partido Socialista”, pois “todos os lucenses saben que é unha persoa que forma parte da herdanza que deixou o ex secretario xeral do PSdeG e ex presidente da Deputación e que, como todos coñecemos, levou ao PSOE ao fracaso máis absoluto dos últimos tempos”.

 

O outro perdedor”

A este respecto, a dirixente dos populares tamén considera que, neste proceso, “hai outro perdedor”, que é o actual secretario xeral do PSOE de Galicia, pois “con estes resultados, compróbase que o novo líder non foi capaz de sumar á provincia de Lugo no seu proxecto e que nin tan sequera controla aos seus”.

 

Elena Candia fai esta valoración porque a agrupación que da que forma parte o secretario de Organización dos socialistas galegos, procedente de O Saviñao, votou a favor de Santos e non da súa candidata oficial. “Eu non quero pensar mal, pero isto mesmo se podería entender como unha deslealdade e unha traizón a quen depositou a túa confianza para desempeñar un cargo tan importante como o da secretaría de Organización. Resulta que o mesmo que sae nas fotos ao carón do secretario Xeral o deixa só nun proceso tan importante coma este. Cando menos, custa entendelo”, sinala.

 

Un PSOE aínda máis dividido

Esta situación desembocará nun Partido Socialista aínda máis dividido se cabe, apunta Elena Candia, pois o candidato elixido non foi o apoiado polo dirixente dos socialistas galegos; o que evidencia, “a priori, certa falla de entendemento e aumenta a posibilidade de novos enfrontamentos”.

 

“Este PSOE é o verdadeiro exemplo dunha organización sumida nunha guerra de guerrillas que, en vez de traballar e sumar para traballar polos lucenses e os galegos, vai de descalabro en descalabro. Con esta incertidume que teñen a quen prexudican é aos veciños desta provincia”, afirma.

 

Somos os aliados dos lucenses”

Por tanto, con este “panorama claramente desolador para o socialismo lucense e o galego”, ponse de relevo, “que o PP é a única forza política capaz de dar estabilidade a esta provincia, a esta Comunidade e a este país”.

 

“Os veciños desta provincia teñen que saber que nós seguiremos estando con eles. Fronte aos que se pelexan para ver que ocupa os postos, nós seguiremos traballando para dar solución ás súas necesidades. Os lucenses atoparán en nós un verdadeiro aliado. Ese é o noso obxectivo, e niso seguiremos centrados”, remarca.