BURELA, 30 de novembro de 2017.– O PP de Burela presentou no rexistro do Concello solicitudes de retirada da Orde do Día do Pleno previsto para hoxe dos puntos referidos á suba das taxas do subministro de auga, saneamento e recollida de lixo, fixada nun 1’6%, segundo a proposta formulada pola alcaldía.
Os populares sustentan a súa petición na elaboración por parte da concelleira de Economía e Facenda, Patricia Otero, de estudos de ingresos e custos imputables ás tres ordenanzas para fixar que conceptos son susceptibles de ser incluidos nesas ordenanzas e polo tanto que contías son as que lles hai que cobrar aos contribuíntes.
Asemade, este Grupo solicita que, “en tanto ese estudo non estea rematado, para o que estipulan un prazo de tres meses, as taxas das tres ordenanzas deben quedar conxeladas, é dicir, non deben sufrir incremento para 2018”, remarcan.
Os edís do PP reiteran que “a taxa por recollida de lixo non pode experimentar incremento de ningún tipo, dado que a contía que se abona á empresa tén carácter anual fixo e non está suxeita ao incremento do IPC, tal e como quedou reflictido na comisión informativa de asuntos de Pleno do pasado luns, a pregunta do vociero popular González Barcia”.
“Concellos Doing Business”
O Grupo Municipal Popular de Burela presentou unha moción de urxencia para instar ao Pleno a que o Concello se incorpore á iniciativa da Xunta e da FEGAMP “Concellos Doing Business” ou “Concellos emprendores”.
“Entendemos que debe adherirse a esta iniciativa para atraer empresas e xerar emprego, a cambio de que o Concello reduza impostos ás empresas de novo asentamento e polo que a Xunta nos dispensaría atención especial á hora de solicitar determinado tipo de subvencións”, defenden.
Os populares confían en que o Goberno local sexa sensible a esta moción, xa que nela “tamén incluímos, unha vez máis, a petición de que se desenvolva a bolsa de solo empresarial que hai establecida na zona de O Perdouro dentro do Plano Xeral de Ordenación Municipal, e que os dirixentes que temos en dous anos e medio non tocaron para nada”.