Partido Popular de Lugo

PSOE e BNG opóñense a defender o AVE a Lugo

LUGO, 28 de novembro de 2017.- O Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego tumbaron a proposta do Partido Popular para acadar un acordo de todos os grupos políticos na defensa do AVE a Lugo. Deste xeito, os dous grupos opuxéronse a unha iniciativa que os populares trouxeron ao Pleno porque, tal e como subraiou Antonio García, “a nosa intención é que a Alta Velocidade sexa unha realidade no menor tempo posible e que esta provincia non quede fóra desta infraestrutura”.

 

Con esta iniciativa, esta formación política vén de demostrar unha clara aposta para que Lugo non quede sen AVE. Por iso, “máis que entrar noutro tipo de controversias”, o que pretendían “era unha estratexia conxunta de todos os grupos políticos e de todos os colectivos que tamén están a favor”, precisou o voceiro popular, lamentando así que nacionalistas e socialistas rexeitasen sumarse a esta iniciativa.

 

A moción presentada polo PP forma parte dunha programación estratéxica, que foi anunciada en días pasados pola voceira do Grupo Provincial e o voceiro do Grupo Municipal, e impulsada coa finalidade de sumar apoios para que Lugo non quede fóra do mapa ferroviario. “Nós non nos agochamos. Instamos ao Goberno e á Xunta, gobernados polo PP. Por tanto, non é unha moción partidista e facémolo, ademais, nun momento no que estamos antes de que se aproben os Orzamentos do Estado. Alá se quedan os que non queren sumarse. É unha mágoa”, remarcou José Antonio García.

 

Continuidade ao traballo feito polo PP

Este acordo que propoñen os populares daría continuidade ao traballo que están a realizar os gobernos do Partido Popular. Por citar algúns dos exemplos máis recentes que clarifican este compromiso do PP, Elena Candia citou que en agosto deste mesmo ano, o ministro de Fomento, nunha visita a Galicia, e logo dunha reunión con Alberto Núñez Feijóo, ratificou publicamente o compromiso do presidente Rajoy de facer efectiva e real a chegada do AVE á Galicia en 2019 (ao estar todos os treitos en obras, situándonos así como a Comunidade con todo o trazado desbloqueado).

 

Froito deste notable interese, o ministro, na mesma data, trasladou a intención do seu departamento de seguir avanzando no proxecto. Por outra banda, a recente reforma do plan de Fomento e ADIF para o novo acceso ferroviario de alta velocidade (consistente en aumentar considerablemente os treitos de doble vía entre Zamora e Taboadela -lugar moi próximo a Ourense-), inclúe a dotación de doble vía á maioría do trazado.

 

Unanimidade para a modificación de ordenanzas

O Grupo Provincial do PP acadou a unanimidade para a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras das taxas por autorización de obras e outros aproveitamentos situados en zonas contiguas ás estradas provinciais, co fin de que se estableza a exención do pagamento deste imposto aos Concellos.

 

Os populares solicitaron así ao Goberno provincial, e a través da súa moción, a revisión destas normas, que ademais de ser moi antigas, ao datar dos anos 90, afectan directamente á economía das entidades locais. E é que, nalgúns casos, o importe desta taxa pode superar ou ser semellante ao custo da obra que se prevé executar. Acontece así en actuacións, por exemplo, relacionadas co abastecemento de auga ou o saneamento.

2ª vez no actual mandato

Deste xeito, o Partido Popular pediu aos dirixentes provincias que o acordo se cumpra o antes posible, pois esta é segunda ocasión neste mandato que os populares levan este asunto a unha sesión plenaria.

 

Concretamente, foi en decembro de 2015, cando se ratificou esta mesma iniciativa, presentada tamén por este Grupo, e na que se instaba, precisamente, ao presidente a que puxera en marcha o procedemento para modificar estas dúas ordenanzas, pero os meses transcorreron e as devanditas normas seguen sen modificarse, polo que ese acordo está sen executar.