Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP pide á Deputación a modificación das ordenanzas reguladoras das taxas para a autorización de obras e outros aproveitamentos en zonas próximas ás vías provinciais

LUGO, 25 de novembro de 2017.- O Grupo Provincial do PP demandará no vindeiro Pleno a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras das taxas por autorización de obras e outros aproveitamentos situados en zonas contiguas ás estradas provinciais, co fin de que se estableza a exención do pagamento deste imposto aos Concellos.

 

Os populares solicitan así a revisión destas normas, que ademais de ser moi antigas, ao datar dos anos 90, afectan directamente á economía das entidades locais. E é que, nalgúns casos, o importe desta taxa pode superar ou ser semellante ao custo da obra que se prevé executar. Acontece así en actuacións, por exemplo, relacionadas co abastecemento de auga ou o saneamento.

“Entendemos que a Deputación pode e está lexitimada para facelo, sobre todo, porque esta iniciativa resposta ao fin último desta administración, que é promover distintas medidas que redunden no beneficio das economías municipais”, remarcan dende o PP. O Grupo Provincial do PP defende que “o principal vínculo entre entes locais debe ser a colaboración e non o de ter unha relación recadatoria”

 

2ª vez no actual mandato

Con esta iniciativa, dende o Partido Popular non só se demostra un compromiso por contribuír a mellorar a situación económica dos Concellos, senón que tamén se lle pide ao Goberno provincial que cumpra os acordos acadados no Pleno.

 

Os populares inciden nesta cuestión porque esta é segunda ocasión neste mandato que levan este asunto a unha sesión plenaria debido a que o Goberno provincial, malia pasar dous anos da primeira vez que se aprobou unha moción con estas mesmas características, fixo caso omiso do acordo acadado.

 

 

Concretamente, foi en decembro de 2015, cando se ratificou esta mesma iniciativa, presentada tamén por este Grupo, e na que se instaba, precisamente, ao presidente a que puxera en marcha o procedemento para modificar estas dúas ordenanzas, pero os meses transcorreron e as devanditas normas seguen sen modificarse, polo que ese acordo está sen executar.

 

“Non hai que obviar que, cando as iniciativas dos grupos políticos resultan aprobadas, os acordos adoptados son actos administrativos cuxo cumprimento debe garantir o presidente da entidade provincial segundo a normativa vixente”, remarcan dende o Grupo Provincial do PP.